Podían os bares abrir ata a 1 da madrugada a última fin de semana?
Por Manu Otero
A publicación do BOE con novas restricións sobre os horarios da hostalería a nivel estatal provocaron un caos no sector hostaleiro da cidade a pasada fin de semana. As informacións contraditorias, os problemas de comunicación e as dificultades para entender a linguaxe administrativa acabaron por provocar múltiples interpretacións das normas que se traduciron en que cada bar decidiu pechar á hora que lle parecía correcta.
Seguindo as directrices da Xunta, uns seguiron facéndoo ás 23 horas. Mentres que outros, tomando como referencia o publicado no BOE e o publicado pola ampla maioría dos medios de comunicación, optaron por ampliar o seu horario ata a 1 da madrugada. En calquera caso, confirman desde a Policía Local que ningún bar foi sancionado esta fin de semana por incumprir o horario de peche. Salvo un establecemento no que había xente consumindo bebidas alcohólicas no interior, coa porta pechada e pasada a 1.00 da madrugada.
Recoñecen desde a Policía Local de Pontevedra a confusión xerada esta pasada fin de semana pola publicación do BOE do sábado cos cambios horarios. Con todo, puntualizan que non chegou a entrar en vigor e que seguía rexendo a normativa anterior pola que os bares debían pechar ás 23 e os restaurantes ás 1.00 horas.
Aínda así, a incerteza xerou tensión no sector. As consultas entre compañeiros foron constantes durante toda a xornada do sábado, moitos contactaron directamente coa Policía Local e Nacional, mesmo con traballadores das diferentes administracións para resolver dúbidas. Algo que non acabaron de lograr posto que os discursos eran contraditorios. "Nós decidimos manter a hora de peche ás 23 horas pero porque non nos deu tempo a organizar o persoal, pero dixéronnos que podiamos abrir ata a 1", sosteñen no Merry's.
Outro local situado na contorna do Teatro Principal si que permaneceu aberto ata a 1 da madrugada convencidos de que a recente publicación do BOE avalaba a súa decisión.
"As noticias eran moi confusas", recoñecen na Gramola. Os propietarios dun dos locais de moda da zona vella estaban convencidos de que a normativa que imperaba a pasada fin de semana non cambiara. "Eu xa me volvín unha experta no BOE e no DOG", confesa con humor a propietaria deste bar, que lamenta que a falta de claridade na lexislación podería "crear guerras entre nós porque un abre ata unha hora e outro ata outra".
Unha proba de que os novos horarios non estaban en vigor a pasada fin de semana está en que o lecer nocturno, que segundo o documento aprobado polo Ministerio de Sanidade podería abrir ata as 3 da madrugada, permaneceu pechado e á espera das conclusións da proba piloto que se celebrará este sábado en seis locais repartidos polas catro provincias galegas. A Pomada é o elixido en Pontevedra.
O sector espera que toda esta confusión quede resolta esta semana. O comité clínico reúnese este mércores e a hostalería de Galicia espera noticias claras e unívocas sobre aforos e horarios que deben aplicar nos próximos días.