Primeiros pasos da marca Pontevedra Capital Gastro para converter a cidade en referente gastronómico
Por Redacción
Coa primeira xuntanza da recentemente creada Mesa de Gastronomía, arrancou formalmente o traballo para o impulso da marca Pontevedra Capital Gastro, a etiqueta baixo a que o goberno municipal quere converter a cidade nun referente gastronómico.
O obxectivo desta iniciativa é buscar a implicación de todos os axentes da cadea gastronómica, incluídos os ámbitos académico e cultural, para que esta marca sexa todo un éxito.
A xuntanza estivo presidida pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, que destacou que Pontevedra dispón de "todos os ingredientes" para ser referente na gastronomía. "Esta marca é a receita e temos que cociñala entre todos e todas", defendeu.
Entre os retos desta iniciativa están promocionar e difundir os recursos gastronómicos locais, promover a economía circular, consolidar o concepto de "hostalería verde", darlle valor á cultura e historia gastronómica da cidade, fortalecer o concepto "hospitality" ou promover a creación de novos negocios, apoiando e guiando diferentes proxectos innovadores.
Blanco sinalou que as primeiras actividades serán tres "gastroeventos", a Festa das Cunchas, o Avoa Fest e Mestizaxes, un congreso Foro Hospitality; un programa de impulso empresarial denominado Capital Gastro Lab e as actividades do colectivo Banda Cociñas de Pontevedra.
No encontro inaugural da Mesa de Gastronomía, que se celebrou de xeito online e presencial, participaron tamén a técnica municipal de Turismo, Raquel Abollo; a responsable da firma Carta Blanca, Elena Vitoria; o director do Carlos Oroza, Manuel Hermo; ou o chef Rubén González (El Cafetín), en representación do colectivo de hostaleiros Hoempo.
Tamén asistiron o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; o vicepresidente da Asociación Provincial de Axencias de Viaxe de Pontevedra (Avipo), Diego Otero; o presidente da Asociación Galega de Axencias de Turismo (Agavi), Juan Antonio Rivadulla; o patrón maior da Confraría de San Telmo, César Rodríguez; a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), Dulcinea Aguín; a técnica da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Marián Barreal, e a responsable do Hotel Galicia Palace, Patricia Sierra.
Relacionadas:
-
RADIO.- Turismo gastronómico e sustentabilidade serán as dúas propostas que Pontevedra promocione en FITUR o próximo xaneiro
Por Redacción |
-
RADIO.- Comeza unha semana para gozar dos 'Mestizaxes' da Pontevedra Capital Gastro
Por Redacción |
-
O Avoa Fest recupera o patrimonio gastronómico e homenaxea ás avoas e ás súas receitas
Por Redacción |
-
Abrir o campus a toda a cidadanía, obxectivo conxunto do Concello e da Universidade
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
'O galo que comeu a navalla' de Sergio Roma (O Souto), vencedor da 'Batalla das Cunchas'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O barrio da Moureira recibe o primeiro Premio Gastronómico "Loureiro de Ouro" da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
A hostalería de Pontevedra activa o roteiro da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
Pontevedra aposta polo marisco e lanza a primeira Festa das Cunchas
Por Manu Otero |
-
'Pontevedra Capital Gastro' comeza a súa andaina para impulsar os sectores do turismo, hostalería e alimentación
Por Mónica Patxot & Redacción |