Queres aforrar en pastillas? Apúntate aos balnearios
Por Oskar Viéitez
Expertos en hidroloxía médica e usuarios da terceira idade dos balnearios pontevedreses aseguran que a cura termal reduce a inxestión de medicamentos. Dende a Federación de Pensionistas e Xubilados de Galicia sinalan que "o ideal sería que os médicos, en lugar de receitar medicamentos, receitasen estanzas en balnearios".
Nesta liña preséntanse coma unha magnífica oportunidade os Programas Diúrnos de Balnearios, Coidarte e Saúde e Benestar, postos en marcha pola Deputación de Pontevedra que beneficiarán a preto de 9.000 persoas. Os interesados poden apuntarse ata o 30 de novembro.
O obxectivo é facilitar que persoas maiores de 50 anos, pensionistas ou coidadores de dependentes que precisan de respiro familiar e poidan disfrutar duns días de descanso e lecer en balnearios, spa e talaso da provincia.
No caso do programa Coidarte, haberá un total de 5.514 prazas e ofertaranse cando menos catro balnearios que os beneficiarios poderán elixir en función das súas preferencias.
Os interesados poden apuntarse ata o 30 de novembro
As bases do programa recollen que a Administración Provincial destinará para esta actividade un total de 193.500 euros, a razón de 35 euros por beneficiario. Pola súa banda, os concellos que decidan adherirse ao programa deberán subvencionar con outros 10 euros cada praza, co obxectivo de reducir ao máximo o prezo que abonen os beneficiarios, que será, como máximo, de 95 euros polos 5 días.
Coidarte 2013 permitirá que as persoas ás que vai destinado o plan poidan disfrutar de 5 tardes, de luns a venres, nun balneario, talaso ou spa da provincia a prezos reducidos e contando, ademais, con transporte de ida e volta entre o seu concello de residencia e o establecemento hoteleiro elixido.
SAÿDE E BENESTAR
Pola súa banda, para o programa Saúde e Benestar convocaranse un total de 3.333 prazas co obxectivo de que as persoas que así o desexen poidan pasar 7 días e 6 noites en spas, balnearios ou talasos, en réxime de pensión completa, facilitándoselle tamén o traslado de ida e volta desde o concello no que residen ata o establecemento no que se hospeden. A Deputación Provincial destinará a este 100.000 euros.
Con estes dous programas preténdese fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores e con necesidades de respiro familiar, ao tempo que se contribúe á dinamización económica e ao mantemento do emprego en establecementos hoteleiros da provincia.