Aberto o prazo de solicitude de axudas para asociacións de mulleres en Poio
Por Redacción
A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), lembra que xa está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para optar ás subvencións impulsadas desde este departamento dirixidas a asociacións de mulleres do municipio, co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de
xénero.
Este prazo ábrese despois da aprobación do documento por parte da Xunta de Goberno Local e a súa posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. O período permanecerá operativo durante un mes. A concellería de Igualdade destina máis de 4.000 euros a estas achegas, que se introducen por primeira vez nos orzamentos municipais e que se repartirán a través de dúas liñas: para afrontar gastos correntes ou para impulsar actividades que incidan na concienciación social con respecto á igualdade, de formación en materia de igualdade ou campañas de sensibilización contra a violencia de xénero, entre outras opcións.
As axudas, que se emiten mediante concorrencia non competitiva, servirán para cubrir iniciativas desenvoltas entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de novembro de 2021. As asociacións interesadas en beneficiarse destas subvencións deberán cumprir varios requisitos, entre os que se atopan ser parte do Consello Municipal da Muller, figurar no Rexistro de Asociacións e ter colaborado nas campañas impulsadas desde a Concellería de Igualdade con motivo do 25 de novembro ou do 8 de marzo. As solicitudes deberán realizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Poio.
Silvia Díaz explica que “unha das nosas principais liñas estratéxicas é contribuír a impulsar e dinamizar a actividade das asociacións de mulleres que existen en Poio e que realizan un labor moi importante en materia de igualdade”. Ademais, deste xeito tamén se dá cumprimento a un dos obxectivos que figura na Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, en materia de igualdade e empoderamento da muller a nivel social e económico.
Relacionadas:
-
A Xunta destinará 1,4 millones de euros a programas en favor de mulleres vulnerables
Por Redacción |
-
O Espazo Concilia de Poio abrirá o período de inscricións o vindeiro 24 de maio
Por Redacción |
-
Tres emprendedoras de Poio protagonizan o primeiro faladoiro de "A forza das mulleres"
Por Oskar Viéitez |