Piden o control dos cans na contorna do río Bispo para protexer os patos silvestres
Por Redacción
Durante os últimos anos están a reproducirse nas beiras do Río Bispo ao redor de catro parellas de patos silvestres. Unha especie que se denomina Lavancos (Anas platyrhynchos) ou 'ánade real'. Segundo a Asociación ecoloxista de Bueu Anduxía nesta zona atopan un hábitat adecuado para realizar un niño aproveitando as herbas gramíneas próximas ao río.
Pero este colectivo alerta de que un dos problemas aos que se enfrontan se atopa nos cans dos paseantes que chegan a perseguilos debido ao seu instinto de caza e poden chegar a destruír os niños ou a matar a estas especies recentemente nadas. Sinalan que están a recibir queixas neste sentido por parte de viandantes que se achegan pola zona. Tamén se mostran preocupados pola posibilidade de que haxa persoas que os capturen para levalos aos seus fogares como mascotas, unha acción prohibida pola lei.
Durante este ano, a asociación comprobou que unha da parellas conta cun só membro máis no proceso de reprodución mentres que outra sumou 12 pequenos parrulos. Lembran que molestar ou capturar a estes animais está castigado con sancións económicas pola Lei de Protección Animal. Trátase de especies que se reproducen nesta zona para despois emigrar a outros puntos da xeografía peninsular ou do resto de Europa.
Por este motivo, solicitan que non se rocen as marxes do río totalmente ata que non finalice o período de cría a mediados do verán para que esta vexetación actúe como espazo de refuxio das aves.
Piden tamén un panel interpretativo neste camiño que explique as características desta especie lembrando que non se debe molestar e que os cans deben de ir con correa pola zona. Tamén demandan que se aceleren os trámites para dar continuidade ao roteiro do río Bispo prevista polo Concello.
E por último, propoñen que se estude a posibilidade de recuperar nesta zona unha lagoa de auga doce para que asenten as aves acuáticas. Entenden que esta proposta supoñería un beneficio tamén para a zona urbana ao servir como balsa de contención e diminuír os riscos de inundación no caso de que o río desborde.