Esixen ao alcalde que convoque o Consello Económico e Social, que non se reúne dende hai 20 meses
Por Redacción
Desde xaneiro de 2012 non se reúne o Consello Económico e Social de Pontevedra, e anteriormente fixérao dous anos antes, en decembro de 2009.
O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, considera fundamental sumar esforzos para que desde a cidade se fagan todas as achegas posibles cara á recuperación económica, polo que esixe a convocatoria deste órgano e entende que "resulta sintomático que o alcalde nin sequera se moleste en convocar ese Consello Económico e Social".
Os datos facilitados polo Partido Popular sinalan que a día de hoxe, con máis do dobre de parados que hai catorce anos, "cando Miguel Anxo Fernández Lores chegou á Alcaldía de Pontevedra" (8.410 desempregados o pasado mes de setembro fronte aos 3.585 en setembro de 1999), "reflicten un panorama fronte ao que non valen lecturas indulxentes e moito menos se é o propio rexedor municipal o que se sitúa completamente de costas a calquera actuación para reverter esa situación".
Xa a mediados do pasado mes de setembro, o Partido Popular criticou con contundencia a envergadura do primeiro Plan de Emprego posto en marcha polo goberno local desde que chegou á Alcaldía Miguel Anxo Fernández Lores en 1999, cualificándoo directamente de "ridículo, unha auténtica minucia". "A iniciativa, presentada polos concelleiros socialistas, ofrecera becas de 350 euros ao mes a un total de 77 parados durante tres meses, é dicir, un investimento de só 90.000 euros para o principal problema da cidade", dixo Moreira.
"Complementando a este plan de becas, o BNG vendeu nos mesmos días outra proposta para acadar emprego no rural como saída a crise, os Estruming Days, un proxecto privado consistente nun foro de debate que a priori non estaba mal como idea, pero que resultaba case insignificante como única iniciativa contra o paro ideada polo alcalde en catorce anos", sinalan os populares.
Para o grupo municipal do PP a coincidencia das dúas propostas puxo de novo sobre a mesa a "incapacidade dos dous partidos que conforman o goberno municipal de traballar conxuntamente nin sequera contra o problema do desemprego".
"O desinterese municipal nesta cuestión resulta ademais ata irritante ao lembrar algunha comparecencia pública dos seus protagonistas", sinala Moreira cando lembra que o tenente de alcalde, o socialista, Antón Louro presentou na campaña das municipais do 2011 cinco iniciativas que cualificou de prioritarias. Entre elas estaban a de convocar ao Consello Económico e Social, propoñer un gran pacto por Pontevedra, unha asemblea de participación cidadán, a modernización da Administración e o impulso ao PXOM. "Lores ata despreza algún destes obxectivos", remachou Jacobo Moreira.