Feijoo defende en Sanxenxo que Galicia é un destino turístico seguro
Por Redacción
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou en Sanxenxo o compromiso por facer de Galicia un territorio seguro para vir, estar e para gozar, con medidas como o seguro covid, que entrou en vigor esta semana. Unha iniciativa, explicou, sen custo para o viaxeiro e que dá un plus de tranquilidade aos visitantes ante unha posible infección ou estancia por corentena, con cobertura mesmo en caso de repatriación sanitaria internacional.
Así mesmo, e unha vez que toda a poboación galega estea inmunizada, o titular do goberno galego expresou a posibilidade de que os turistas que nos visiten reciban a vacina a través deste seguro.
Durante a clausura do foro sobre o Turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Feijóo incidiu en que a confianza e a seguridade son dous elementos chave para a reactivación do sector.
Nesta liña resaltou o esforzo que leva facendo a administración autonómica neste campo: ofrecendo un teléfono especial para o viaxeiro, no que se atende aos non residentes ante calquera síntoma sospeitoso de covid; poñendo en marcha un certificado dixital de vacinación, dispoñible a través do teléfono móbil; cun rexistro de viaxeiros para facilitar as tarefas de rastrexo de contactos; ou coa realización de test de antíxenos nos aeroportos galegos.
Consciente de que a mellor medida de seguridade que se pode ofrecer é a vacinación, o titular da Xunta subliñou que, neste momento, máis do 52% da poboación galega ten polo menos unha dose, e esta fin de semana alcanzará o 30% da poboación completamente inmunizada.
ANO SANTO 2021/22
O presidente referiuse novamente á oportunidade que supón a celebración do Ano Santo 2021/22 para a reactivación do sector. Con este obxectivo incidiu en que Galicia chega cos deberes feitos: cun Plan Director para preparar os Camiños e cun Plan estratéxico do Xacobeo, que suman en total un investimento de 180 millóns de euros.
"Queremos que Galicia e o Xacobeo sexan un espello que visibilice un turismo sustentable, natural e de calidade; que sexan un foco mundial dunha celebración global como é o Ano Santo", abundou.
Nesta liña, ademais do compromiso expresado polo presidente da República de Portugal, que acudirá a Santiago este ano, Feijoo resaltou o apoio do Executivo autonómico cos roteiros portugueses cun investimento de dous millóns de euros para a mellora e a sinalización dos itinerarios.
Así, entre as actividades programadas con Portugal, para divulgar e aproveitar este Xacobeo, destacou: unha unidade móbil Xacobeo para difundir este acontecemento en Porto e Braga; a celebración dun cume ibérico en Galicia; a presentación do Xacobeo en Lisboa e Porto; a celebración da I Xornada Internacional de Estudos Jacobeus en Coimbra e o desenvolvemento da asemblea extraordinaria da Federación Europea dos Camiños, no país veciño.
Así mesmo, asegurou que Galicia seguirá traballando para, a través dos fondos Next Generation, seguir estreitando as relacións económicas, culturais e turísticas entre ambos os territorios. Ao respecto, destacou iniciativas como a ampliación da ponte entre Salvaterra e Monçao; a construción dunha ponte peonil e ciclista na eurociudad Tomiño-Vila Nova da Cerveira; e a creación do primeiro parque transfronteirizo de lecer, de case 26 hectáreas, entre Goián e Vilanova de Cerveira.
Despois de lembrar que todo o que se faga poderá ter un efecto multiplicador se vén acompañado de infraestruturas como o AVE, Feijóo concluíu afirmando que a Xunta seguirá apoiando ao sector como xa o fixo coa posta en marcha do bono ou coa inxección de 560 millóns de euros en axudas directas, dos que 416 millóns, correspondentes aos tres plans de rescate.
Relacionadas:
-
Pontevedra lidera o gasto do bono turístico, que xa destinou 3,5 millóns a reactivar o sector
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere instalar cargadores eléctricos para coches, patinetes ou bicis en nove praias
Por Redacción |
-
O Concello e a Xunta reparten case 2,7 millóns entre a hostalería e sectores afectados pola covid en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Presentan en Vilagarcía o futuro centro de fabricación avanzada Galicia TurisTIC
Por Redacción |
-
Sanxenxo reforzarase este verán con máis axentes da Policía Local e da Garda Civil
Por Oskar Viéitez |
-
O sector turístico de Sanxenxo ten "boas perspectivas" para este verán polo importante número de reservas
Por Oskar Viéitez |
-
Fitur premia o audiovisual 'Sigue o teu instinto' da Deputación
Por Oskar Viéitez |