Poio recibe 80 solicitudes para o servizo de prevención e extinción de incendios forestais
Por Redacción
O Concello de Poio continúa co proceso de contratación de persoal para as brigadas de prevención vixilancia e defensa contra os incendios forestais. Trátase dun servizo que permanecerá activo ao longo de toda a tempada estival, durante tres meses.
O goberno local acaba de publicar a listaxe provisional de persoas admitidas. En total, son 62 as que completaron a pertinente presentación de documentación, cumprindo con todos os requisitos que establecían as bases. Agora, ábrese un prazo de cinco días hábiles para que os e as aspirantes que resultaron excluídas poidan presentar alegacións, no caso de que o estimen oportuno.
Unha vez completado este paso, aprobarase a lista definitiva e procederase á designación dos membros do tribunal cualificador e á posta de data para a proba selectiva. A concellería de persoal, dirixida polo nacionalista Xosé Luís Martínez, lembra que estas brigadas estarán compostas por un total de oito integrantes: xefe de brigada, peón-condutor, tres peóns de brigada e outros tantos condutores de vehículos motobomba.
Das 62 persoas admitidas provisionalmente, 17 presentaron as súas solicitudes para estes tres últimos postos, 12 para peón-condutor, 23 para peón de brigada e 10 para xefe de brigada. O número de solicitudes totais ascendeu a preto de 80.
Por outra banda, tamén permanece activo o proceso para a creación dunha bolsa de emprego na categoría de traballo social. Neste caso, son 22 as persoas que tomaron parte na fase de concurso, que xa conta coa puntuación pertinente e que se pode consultar na Sede electrónica do Concello de Poio. Fai falta lembrar que agora está activo un período, de dous días hábiles, para a presentación das alegacións pertinentes.
PLANTACIÓN DE ÁRBORES
O CEIP de Chancelas, en Combarro, conta desde este venres cun novo integrante. Trátase dun carballo que foi plantado nas instalacións do centro educativo para conmemorar o Día Mundial de Medio Ambiente. A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, estivo presente durante a realización desta actividade na que os máis pequenos do alumnado foron protagonistas ao ocuparse de executar a plantación.