Lores, no ecuador do seu sexto mandato: "Estou máis ilusionado que nunca como alcalde"
Por Alejandro Espiño
Tras 22 anos á fronte do goberno municipal de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asegura que "estou máis ilusionado que nunca como alcalde". Díxoo nunha rolda de prensa na que fixo balance dos dous anos transcorridos do seu sexto mandato.
Dous anos marcados, irremediablemente, pola pandemia da covid-19 e que, segundo Fernández Lores, foi un período de "moito traballo e dificultades". A pesar diso, destacou que Pontevedra logrou superar esta crise sanitaria "cun sobresaínte".
Facer fronte á pandemia supuxo un gasto extraordinario de 7 millóns de euros, pero iso non impediu, segundo o rexedor, que se seguira "transformando a cidade" e mellorando a calidade de vida dos pontevedreses, fundamentalmente en barrios e parroquias do rural.
O alcalde defendeu que "en épocas duras" Pontevedra seguiuse dotando de mellores servizos, continuou co seu obxectivo por modernizar a administración municipal e mantivo a súa aposta polo medio ambiente e a loita contra o cambio climático.
Todo iso foi posible, apuntou Miguel Anxo Fernández Lores, grazas ao esforzo dos traballadores do Concello, das empresas concesionarias dos servizos municipais e un equipo de goberno "estable, cun grao alto de solvencia e con experiencia previa acumulada".
O executivo municipal, que segundo Fernández Lores "é o mellor goberno que tivo nunca Pontevedra", impulsou o maior volume de investimentos da súa historia, defendeu o alcalde, cun orzamento de 111 millóns de euros para este 2021.
O rexedor pontevedrés tamén destacou que a pandemia demostrou que o modelo urbano de Pontevedra "é un adiantado ao seu tempo", xa que permitiu "responder de xeito máis rápido e áxil" aos requisitos da nova normalidade que outras cidades.
Lores non desbota repetir como candidato do BNG nas eleccións municipales de 2023. "Hai que ir partido a partido", dixo.
"A pandemia chegou para facernos aínda máis referente internacional do que xa eramos", sinalou o alcalde, que asegura que "miro o futuro coa cabeza ben alta", ao estar "moi a gusto" co seu goberno municipal e co comportamento "impecable" dos cidadáns.
Nos dous anos restantes de mandato, segundo Lores, haberá un volume de investimentos "impresionante", o que ao seu xuízo fará que Pontevedra logre "saír con forza" da crise xerada pola pandemia e siga "atraendo talento" como cidade de servizos.
Dentro do seu balance, no que a compra de Santa Clara foi " unha das cousas das que máis orgulloso me sinto nos 22 anos que levo como alcalde", non todo foi positivo. Lamentou a paralización de obras doutras administracións e o labor da oposición.
Os edís do PP, criticou o alcalde, "están preocupados por outras cousas" en lugar de colaborar co goberno municipal na modernización da cidade, polo que lles recomendou que "cambien de rumbo" e que ofrezan "alternativas".
Preguntado sobre o seu futuro político, Fernández Lores non pechou a porta para repetir como candidato do BNG nas eleccións municipais de 2023. " Hai que ir partido a partido", dixo.
Relacionadas:
-
"Reducir o tráfico é o único que pode lograr un gran impacto para que as cidades sexan mellores"
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG esixe á Xunta que "non se poña de perfil" e colabore en rehabilitar Santa Clara
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Balance "decepcionante" para o PP nos dous anos de mandato dun goberno "desaparecido"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra incorpora 14,6 millóns ao seu orzamento para financiar 52 novas actuacións
Por Alejandro Espiño |
-
O modelo de cidade de Pontevedra, recoñecido polas institucións europeas como exemplo de cidade a seguir
Por Redacción |