Longa vida á librería Seijas
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Cambio de ciclo no pequeno oasis literario da Avenida de Vigo. A emblemática Librería Seijas comeza esta semana unha nova andaina. Atrás quedan os 40 anos de duro traballo de Luz Gallego e Manuel Seijas para facer historia ao redor da literatura infantil e xuvenil.
O testigo recólleo Alba Blanco, quen, aínda atafegada polo traspaso de poderes, está decidida a manter o espírito que fixo grande a súa nova pero lonxeva criatura achegando, iso si, o seu toque persoal.
"Dá moita vertixe", recoñece angustiada a nova propietaria. "Agora mesmo non podo nin pensar, non teño espazo cerebral para pensar en máis nada que no que teño que facer. O luns espero estar máis asentada e empezar a asimilar e gozar un pouquiño do proceso", engade parapetada detrás dunha pila de albarás e pedidos.
Por fortuna, para axudala a suxeitar o temón durante a tempestade destes primeiros días de navegación está Luz Gallego, á que tamén lle está custando deixar voar á súa criatura. "Isto é como xestar, parir, alimentar, facelo crecer e logo, como todo bo fillo, vaise. Non o temos asimilado aínda", recoñece cos ollos vidriosos.
"Aínda hoxe estaba a responder ao mail dun colexio que nos enviou o outro día unha carta e un ramo de flores e caíanlleme as bágoas. Son emocións moi fortes, ver isto baleiro co que nos custou enchelo en 40 anos", lembra co orgullo do deber cumprido.
Aínda que Nenuca, como se coñece na cidade a Luz Gallego, e Manuel non estarán, o seu sinal quedou marcado para sempre nestas catro paredes da Avenida de Vigo. "Imos manter a liña que eles seguiron tanto de trato como de amor cara á literatura infantil e xuvenil. Pero tamén cara ao álbum ilustrado, obviamente. Pola miña profesión gustaríame dedicarlle un espazo espcial ao libro de arte", avanza Blanco cal vai ser o novo aceno de identidade da librería que esta viguesa titulada en Belas Artes e especializada na ilustración tentará aplicar ao seu novo negocio.
O cambio de titularidade da empresa foi un flechazo máis que un traspaso. "Non pensei en vir a por ela. Pero cando vin o cartel do traspaso notei esa necesidade de preguntar. Foi preguntar e xa me vin falando co banco. O proceso de decisión foi moi curto, o de adquisición si foi longo", relata Alba como decidiu lanzarse a unha aventura na que leste mesma fin de semana comezará a voar soa. Aínda que sabe que sempre terá un apoio nos vellos propietarios. "Telos á beira tranquiliza moitísimo, tentarei non molestalos pero sen a súa axuda eu non podería facer isto. Estou agrecidísima", subliña.
A asistencia de Luz e Manuel durante estes primeiros días céntrase principalmente en "escoller os libros fundamentais de cada editorial e conseguir as mellores condicións porque se vai a facer cargo da libreria nuns meses dificiles de pouca venda", avisa Nenuca convencida do éxito da súa nova idea de negocio. "Co seu toque persoal, que o ten e é moi orixinal con respecto ao noso, vai continuar con esa fórmula de literatura para nenos que funcionou tan ben", confía.
Renunciar á tradición e historia desta herdanza non é unha opción. A Librería Seijas creceu á sombra do instituto Frei Martín Sarmiento especializándose en libros de formación profesional. A reforma educativa deu ao traste con esa vía de negocio e fixo florecer un pequeno estante no que Luz Gallego ofrecía exemplares de literatura infantil.
"Empecei a investigar editoriais pequeniñas e independentes e tiramos por aí. Coa crise do 2008, moita xente con boas ideas e moitas iniciativas montaron as súas propias editoriais e medraron como cogomelos. Sacaban moi bos produtos e sumámonos a esa tendencia", relata Nenuca.
O ambiente e o modelo urbano resultou tamén crucial para o asentamento da cidade das librerías. Culturgal, a feira do libro ou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil non serían o mesmo sen Seijas e o resto de librerías da cidade. Pero chegar a ese punto foi o froito dun longo proceso de maduración. "Antes era diferente. Eu tiña dúas nenas e nesta rúa non lles deixaba cruzar ao forno a por o pan porque isto era a autoestrada Pontevedra Vigo. Sortear farois, baixar á estrada, coches aparcados... era imposible vir. Agora é moito máis alcanzable", agradece.
Unha das primeiras clientas desta icónica librería foi a escritora María Vitoria Moreno, homenaxeada no 2018 polo Día das Letras Galegas.
"Aos dous días de abrir entrou María Victoria Moreno na librería toda emocionada porque abría unha librería nova debaixo da súa casa. Aquí non había nada nin beirarrúas, era estrada e terra. Entrou e atopouse con Tito e logo cheguei eu, que fora alumna dela no Valle-Inclán. Abrazouse a min e estableceuse unha moi boa relación de amizade. Emocióname lembrala. O outro día atopei os orixinais do último libro dela de poesía, corrixía aquí na súa axenda os seus libros", revive Nenuca un dos múltiples recordos que gardará para sempre na súa maleta cando crucei por última vez o limiar da que sempre será a súa casa.