A área sanitaria baixa aos 232 casos de covid-19 tras unha xornada con 11 novos contaxios
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A situación epidemiolóxica da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense estable con tendencia á baixa da incidencia. Este venres non se rexistran cambios na situación dos hospitais e hai 15 casos activos menos que o día anterior.
Segundo o último balance oficial do Servizo Galego de Saúde, hai 232 casos activos na área sanitaria despois de que na última xornada se confirmasen 11 novos positivos a través de PCR ou antíxenos e se desen 26 altas.
Nese mesmo período realizáronse tan só 175 probas PCR, ás que habería que sumar as probas de antíxenos coas que tamén se diagnostica a enfermidade. En total, desde o inicio da pandemia realizáronse na área sanitaria 237.831 probas.
Do total de casos activos, 216 son pacientes asintomáticos ou con síntomas leves que evolucionan nos seus domicilios e 16 están ingresados nos hospitais da área sanitaria. Son o mesmo número que o xoves.
Non hai cambios na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, onde permanecen dous pacientes, nin tampouco en planta de hospitalización, con 14 ingresados. Son 11 no Complexo HospitalarioUniversitario de Pontevedra e 3 no Hospital do Salnés.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 13.892 pacientes (26 na última xornada) e faleceron por este virus na área sanitaria 181 pacientes.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
O último balance da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade confirma que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.052 , 104 menos que o día anterior, tras unha xornada na que se confirmaron 91 novos contaxios e 193 altas.
Do total de pacientes positivos, 98 están nos hospitais, nove menos que o xoves. 15 están en UCI e 83 en unidades de hospitalización, mentres que os 1.954 restantes evolucionan no seu domicilio.
Por áreas sanitarias, só aumentan os casos activos en Ourense, con 168, catro máis. En Ferrol non hai cambios e continúan con 114 mentres que no resto de Galicia baixan. Vigo ten 574 casos activos (-61), Santiago sitúase en 358 (-12), A Coruña ten 356 (-1), Pontevedra baixa aos 232 (-15), e Lugo está en 250 (-19).
Polo de agora, en Galicia hai un total de 122.743 persoas curadas e houbo 2.424 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.269.259 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.965.286.