Unha rexenerada Carabuxeira recibirá os seus primeiros bañistas o 18 de xuño
Por Redacción
Xa hai data para a reapertura ao público da praia de Carabuxeira. Será o próximo 18 de xuño, segundo informou o goberno municipal de Sanxenxo, que avanzou que a primeira fase da rexeneración do areal encara xa a súa recta final.
Así se acordou na reunión da comisión de seguimento da Carabuxeira, na que estiveron representadas todas as administracións e entidades implicadas nos traballos: Concello, Costas, Portos de Galicia, Nauta e o director de obra de Aquática Enxeñería.
A achega de area combina desde hai un par de semanas dous sistemas. Coa marea baixa, a través de dumpers e escavadoras e coa marea alta, coa draga do barco.
Nos próximos días, comezará o recheo e a colocación dos catro tubos geotéxtiles que faltan, que funcionarán como dique temporal para conter o árido na praia ata a fase definitiva. A continuación, estenderase a area mediante escavadoras para configurar o perfil definitivo da praia coa totalidade da area extraída.
No proxecto definitivo que xa se está tramitando súmanse outros 14.000 metros cúbicos de area e inclúese un paseo marítimo de 360 metros entre Panadeira, Lavapanos e A Carabuxeira que permitirá o tránsito peonil e o goce deste tramo de costa urbana.
Neste caso substituiranse eses xeotubos provisionais por unhas ramplas de cachotería, de formigón e dique, que quedarán semisomerxidas.
Durante o encontro, o alcalde, Telmo Martín, expuxo realizar achegas de area á praia de Lavapanos, que tamén presenta unha importante deficiencia de árido, antes do proxecto definitivo, para o que Nauta tramitará os permisos para lograr a autorización de Costas.
O Concello confía en que a rexeneración dese areal estea lista a próxima primavera.
Relacionadas:
-
ADEGA oponse ao novo dique que o porto deportivo de Sanxenxo quere construír fronte á Carabuxeira
Por Redacción |
-
A Carabuxeira reabre tras completarse a primeira fase de rexeneración
Por Redacción |
-
Instalan o primeiro tubo xeotéxtil para conter a area na praia da Carabuxeira
Por Redacción |
-
Avanza a recuperación da praia da Carabuxeira coa extracción de 4.000 metros cúbicos de area
Por Redacción |
-
A Carabuxeira volverá ser unha praia coa recuperación da súa area
Por Oskar Viéitez |