Pensionistas da CIG demandan un aumento de prazas públicas en Centros de Día e Residencias
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Unha representación do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas do sindicato CIG mobilizábase este xoves 3 de xuño para realizar unha protesta na praza da Peregrina do mesmo xeito que noutras seis cidades galegas.
Estes manifestantes demandan a equiparación da contía da pensión mínima ao salario mínimo interprofesional; a creación dun servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos que se destinan a atender á dependencia e un incremento das prazas públicas de Centros de Día e de Residencias.
Desde a CIG alertan de que os últimos datos estatísticos confirman que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado e Galicia sitúase no posto 19 de 20 comunidades autónomas. Esta situación agrávase entre a poboación feminina xa que en 2019 as pensións era uns 35% inferiores ás dos homes.
Reclaman, ademais, a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas realizadas polo PSOE e o PP para garantir a viabilidade do sistema público de pensións.
O 27 de maio, o sindicato nacionaista presentaba no Parlamento de Galicia, 15.199 firmas para avalar a proposición non de lei da Iniciativa Popular para que a Xunta cre un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas.
Por último, sinalan que só un 25% das residencias de persoas maiores ou de dependentes son de titularidade pública e que unicamente hai tres prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos nun momento en que continúa envellecendo a poboación galega e que conta cun amplo número de persoas maiores que viven en soidade.
Relacionadas:
-
Concentración da CIG en protesta pola reforma das pensións
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O colectivo de persoas xubiladas da CIG protesta contra a reforma das pensións
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A CIG mobilízase nas cidades galegas para lograr unha "saída xusta" da crise
Por Redacción |
-
Concentración para reclamar un Sistema Público Galego de Servizos para as persoas máis vulnerables
Por Redacción |
-
A CIG toma as rúas de Pontevedra para demandar "unha saída galega xusta da crise"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |