Adxudicadas as obras de mellora de viais en Agudelo e Portela
Por Redacción
Nas últimas horas, o Concello de Barro adxudicaba o proxecto para a pavimentación e mellora dos viais do Plan Marco. Actuarán no tramo que une a zona da igrexa de Agudelo cos lugares de Güimil e Os Casás, que quedou sen mellorar durante o proceso de execución de pistas da concentración parcelaria, segundo informan desde o goberno local.
Tamén está prevista outra actuación no vial paralelo ao viaduto do tren, unha zona que une os lugares de Faxil e o Concello, na parroquia de Agudelo. Mellorarase o espazo máis deteriorado da pista que conecta o lugar da Porriña, na parroquia da Portela, co Camiño Portugués a Santiago de Compostela.
O proxecto adxudicábase á empresa Caldevergazo SL, que presentaba a mellor oferta no concurso. O orzamento supera os 45.771 euros, dos que 37.875 se financian a través dunha subvención procedente da Consellería do Medio Rural dentro do programa Plan Marco 2021-22 de AGADER. O resto do financiamento realizaranse con fondos propios municipais.
As obras executaranse durante este mes de xuño e forman parte das actuacións previstas polo goberno de Fernández Abraldes para mellorar a capa de rodadura en viais de titularidade municipal ao longo deste 2021.