A Deputación anima á mocidade para descubrir a cantería e valorala como opción de futuro
Por Redacción
A Escola de Cantería ten aberto ata o 12 de setembro o prazo de preinscrición para formarse nun dos oficios máis antigos de Galicia. O centro da Deputación volve ofertar para o curso 2021/2022 as titulacións de canteiro e mestre canteiro no seu afán por estimular a vocación artística así como conservar e promover o patrimonio da arquitectura tradicional.
Para animar á poboación para realizar estes estudos, o ente provincial acaba de lanzar na web institucional e nas súas redes sociais un vídeo no que a presidenta Carmela Silva sostén que "é un traballo con futuro" porque "a pedra xunto coa auga é a alma de Galicia". Lembra a socialista que esta Escola ten "canteiros e canteiras traballando nas obras máis importantes do mundo".
Todas as persoas que queiran acceder a estes estudos deben encher un formulario de preinscrición dispoñible na web da Escola. Logo, entre o 13 e o 24 de setembro, deberán formalizar a súa matrícula. O curso comezará o 1 de outubro e levará a cabo de forma presencial.
Os estudos para ser canteiro teñen unha duración de tres anos durante os que se imparte unha formación moi práctica centrada na construción, escultura, restauración e rehabilitación. Para acceder é necesario posuír o título de graduado escolar ou equivalente e superar as probas de selección. Con todo, para os estudos de mestre canteiro, dunha duración de dous anos adicionais, é preciso posuír o título de cantería.
A Escola de Cantería é un centro de formación único a nivel mundial que ofrece coñecementos ancestrais herdados do gremio á vez que combina unha sólida formación teórica co acceso á tecnoloxía actual. As obras que realiza o alumnado e exalumnado da Escola locen por todos os recunchos da provincia, como a peza dedicada a Teresa Portela inaugurada en Cangas no mes de marzo ou o cruceiro que preside desde abril a subida á igrexa de San Paio de Lavadores, en Vigo.
Do mesmo xeito chegan a lugares de todo o mundo como Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en proxectos tan emblemáticos como a restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, ou as actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.
Relacionadas:
-
Unha exposición no Mosteiro de San Xoán homenaxeará a cantería de Poio
Por Redacción |
-
O Congreso insta ao Goberno a crear unha nova titulación de FP de cantería
Por Oskar Viéitez |
-
A Escola de Cantería abre o día 13 o prazo de matriculación
Por Redacción |
-
O PP asegura que a Escola de Canteiros de Poio "está abocada á desaparición"
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Un novo grao técnico de pedra natural pode poñer en xaque á Escola de Canteiros
Por Redacción |
-
O goberno provincial asegura que nunca haberá un título de FP para a Escola de Cantería se non se transfire o centro á Xunta
Por Redacción |
-
O PP reclama en Madrid que se recoñeza a formación da Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería consegue a acreditación como centro de formación para a expedición de certificados de profesionalidade
Por Redacción |