Caldas volverá contar este verán cunha brigada antilumes
Por Redacción
O Concello de Caldas volverá contar este verán cunha brigada forestal de prevención e extinción de incendios por un período de tres meses. O equipo estará integrado por un capataz, tres peóns forestais e un condutor. A selección de candidatos realízase desde a Oficina de Emprego.
Para o posto de capataz forestal o aspirante deberá contar con algunha das seguintes titulacións: Enxeñeiro de Montes, Enxeñeiro Técnico Forestal, Técnico Superior en Xestión e Organización de recursos naturais e paisaxísticos, Técnico en traballos forestais e conservación do medio natural ou formación profesional equivalente. Ademais deberá ter o carné de conducir B.
Para o posto de condutor só é preciso dispoñer do permiso de conducir B, mentres que os peóns non precisan titulación espcífica.
Entre as tarefas que realizará a brigada atópase a vixilancia e defensa forestal, así como a realización de traballos de prevención de maneira manual mediante tratamentos silvícolas, rozas, rareos e eliminación de restos en zonas nas que non se pode actuar con medios mecánicos. Tamén realizarán actuacións mecanizadas mediante rozas para o efecto de diminuír a carga combustible.
Actuarase en vías e camiños forestais, áreas cortafuegoss e franxas de biomasa de titularidade municipal, ademais en zonas de servidume de camiños dentro das zonas de xestión de biomasa.
O concelleiro de Medio Rural de Caldas, Juan Carlos Ortigueira, lembrou tamén que acaba de finalizar o prazo outorgado pola Xunta de Galicia para que os propietarios limpen as parcelas forestais próximas ás vivendas tal e como recolle a Lei de Prevención e Defensa contra Incendios. En caso de incumprimento, o Concello terá a capacidade de asumir a roza como responsable subsidiario e pasarlle posteriormente a factura aos donos que non limpen as leiras.