Xunta e Concello executan a mellora do camiño da Conla, en Campo Lameiro
Por Redacción
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou este mércores, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, as obras levadas a cabo no camiño da Conla, en Campo Lameiro, que contou cunha axuda do goberno galego de 28.000 euros.
Segun indicou a directora, o Concello de Campo Lameiro solicitou ao amparo da Orde de Infraestruturas de uso público 2020 unha axuda para mellorar o firme deste camiño rural, o que contribuirá a aumentar a súa comodidade e seguridade viaria. A Xunta colabora así na mellora das infraestruturas e servizos municipais do Concello para contribuír ao benestar e á calidade de vida dos cidadáns.
Prieto incidiu en que esta actuación é un dos moitos exemplos de colaboración entre ambas as administracións. O goberno galego ten investido nos últimos anos mais de 460.000 euros a través desta Orde de Infraestruturas de uso público como do Fondo de Compensación Ambiental neste municipio.
En canto á Orde de Infraestruturas de Uso Público, a Xunta destina 4 millóns de euros desta liña de axudas aos concellos galegos para crear ou mellorar infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Ademais, no marco do Fondo de Compensación Ambiental, que na convocatoria deste ano o goberno galego inviste 11 millóns de euros, colabora con Campo Lameiro con diversas obras de saneamento.