Marín contratará 21 socorristas e tres patróns para vixiar as súas praias este verán
Por Redacción
Ata 25 persoas traballarán este verán no servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Marín. Haberá un coordinador, tres patróns e 21 socorristas que, segundo informou o goberno municipal, vanse a seleccionar a partir da próxima semana.
A praia de Mogor acollerá o próximo luns 7 de xuño, a partir das dez da mañá, a primeira proba de selección dos socorristas e dos patróns para as embarcacións do servizo.
As tarefas a desempeñar polos socorristas dentro do dispositivo serán, de xeito xeral, as que tenden a garantir a seguridade dos usuarios dos areais: previr situacións potencialmente perigosas, vixiar e intervir ante un accidente ou situación de emerxencia.
No caso dos patróns socorristas, as tarefas incluirán o manexo de embarcacións de salvamento e o seu coidado, así como as operacións básicas de mantemento das mesmas e todas aquelas inherentes aos socorristas.
O coordinador terá que encargarse da organización do servizo, do calendario de traballo e a dotación de material, de informar ao Concello de calquera tipo de incidencia, anomalía ou necesidade de material, da recollida de datos para a elaboración de estatísticas e outras cuestións relativas ao seu posto.
Para a selección dos socorristas e os patróns, realizaranse dúas probas obrigatorias e eliminatorias. Unha física, na praia de Mogor, que consistirá en realizar 250 metros de nado libre e 150 metros de desprazamento terrestre (carreira), e outra teórica, que consistirá na resolución dun cuestionario tipo test de 20 preguntas.
A selección para o coordinador realizarase no salón de plenos do Concello ás 13.00 horas e consistirá nunha proba teórica de resolución dun test de 40 preguntas e unha proba psicotécnica, na que se resolverá un test de personalidade, e unha entrevista persoal.
DUCHAS ACTIVAS PERO SEN PAPELEIRAS
Nos últimos días xa se efectuaron todos os traballos de limpeza da area e de mantemento dos areais, para que estean en perfecto estado de cara ao seu uso. Ademais, volven estar activas as duchas e os lavapés, que o ano pasado estiveron clausurados por mor da pandemia.
Así a todo, segundo a edil de Turismo, Cristina Acuña, o que non se recuperarán serán as papeleiras. O Concello reforzará os contedores de recollida selectiva e de reciclaxe, nas entradas e saídas das praias, para incentivar o bo tratamento dos residuos.
Relacionadas:
-
Os socorristas desembarcan este xoves nas praias de Marín
Por Redacción |
-
Menos de 40 aspirantes a obter un dos 21 postos de socorrista
Por Redacción |
-
Marín ingresará máis de 11.000 euros polos servizos e quioscos nas súas praias
Por Redacción |
-
58 praias de Pontevedra exhibirán este verán a bandeira azul, 17 delas en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
Os servizos nas praias de Marín estarán activos ata o 30 de setembro
Por Redacción |