Un interno con problemas de saúde mental agride tres traballadores da prisión da Lama
Por Redacción
Un interno do cárcere pontevedrés da Lama con problemas de saúde mental agrediu de maneira violenta a tres traballadores do penal, segundo denunciaron este mércores os sindicatos Acaip-UXT, CCOO, CSI-CSIF, CIG e ATP.
A agresión produciuse sobre as oito da tarde de onte cando este interno, xunto con outros dous presidiarios, estaba a ser custodiado polos funcionarios no seu regreso ao módulo no que cumpre condena, tras acudir á enfermería para recibir medicación.
Durante o camiño, iniciou unha discusión con outro interno e, para tranquilizar os ánimos, os traballadores optaron por deixalo un intre na zona previa de acceso ao módulo, mentres acompañaban aos outros dous reclusos ás súas respectivas celas.
Ao notar o estado de axitación no que se atopaban, outros tres funcionarios acudiron ao lugar e, mentres tentaban que se acougase, o interno emprendeuna a puñadas cos traballadores, provocándolles lesións de importancia, ata que foi reducido.
O agresor foi trasladado ao módulo de illamento tras ser atendido polos médicos, ao presentar feridas nun ombreiro pola refrega, e os tres traballadores foron trasladados a un hospital tras recibir golpes na cabeza, na fronte, no nariz e na cara.
Desde Institucións Penitenciarias recoñecen que esta agresión produciuse nos termos relatados polos sindicatos e lamentan a situación que viviron os traballadores, pero matizan que o interno que os agrediu é unha persoa con problemas de saúde mental.
Trátase dun preso que está incluído no programa PAIEM, implantado nas prisións españolas para ofrecer atención integral aos internos con patoloxías psiquiátricas, o que en ocasións complica que se poidan previr este tipo de incidentes.
Os sindicatos Acaip-UXT, CCOO, CSI-CSIF, CIG e ATP consideran, con todo, que a situación do cárcere pontevedrés é "insostible" ante a falta de medios e formación adecuada dos traballadores, as vacantes no persoal ou a súa elevada media de idade.
Para protestar por esta situación e as cifras "escandalosas" de agresións que se rexistran na Lama, as cinco centrais sindicais convocaron unha concentración que se celebrará o vindeiro venres 4 de xuño, ás once e media da mañá, ás portas do penal.
Relacionadas:
-
A prisión da Lama tamén acusa a carencia de persoal médico
Por Redacción |
-
Os funcionarios do cárcere da Lama alzan a voz contra as agresións e a falta de medios
Por Redacción |
-
Preocupación entre os traballadores polo traslado á Lama de Igor el Ruso, "un dos internos máis perigosos do país"
Por Redacción |
-
Dous reclusos da Lama acusados de agredirse mutuamente aseguran ser inocentes
Por Oskar Viéitez |