Non haberá cacharelas de San Xoán nos espazos públicos de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A noite de San Xoán, un ano máis, estará marcada pola pandemia da covid-19. Aínda que a incidencia do coronavirus descendeu de xeito notable, fundamentalmente polo avanzado proceso de vacinación, o Concello de Pontevedra optou pola prudencia.
Así, non se celebrará ningunha fogueira no espazo público de Pontevedra e, de acordo coas asociacións veciñais que impulsaban este tipo de celebracións, non haberá festexos multitudinarios que poidan xerar aglomeracións indeseadas.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, entende que esta medida débese adoptar por "responsabilidade social" e para cumprir a normativa vixente en materia sanitaria. Esta celebración, engadiu, é "incompatible" coa situación actual da pandemia.
Desde o Concello, con todo, están a ultimar o bando que deberán cumprir todos aqueles que queiran acender unha fogueira en espazos privados, como os domicilios con finca.
Ademais das medidas habituais, deberán respectar as restricións no número de non conviventes reunidos que estean vixentes na noite de San Xoán, advertiu Da Silva.
A edil do BNG engadiu que, en todo caso, desde o goberno municipal "algo estamos a pensar" para que a cidade teña "un pequeno toque" na noite máis máxica do ano.
Relacionadas:
-
A noite de San Xoán haberá en Pontevedra un cento de fogueiras de particulares
Por Redacción |
-
Vilaboa autoriza fogueiras no ámbito familiar e en terreo particular
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para a celebración de fogueiras de San Xoán en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra presumirá do 'son da rúa' nunhas Festas de Verán que arrancarán xa en xuño
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |