O Concello de Pontevedra proxecta unha nova gran praza pública en Monte Porreiro

Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Obras urbanas, Demetrio Gómez informou este martes dos asuntos tratados na Comisión municipal de Mobilidade, na que se fixo un repaso das obras do Concello de Pontevedra, en execución e programadas, cos informes dos edís responsables de cada unha delas.
Nas últimas semanas remataron tres actuacións: o acceso á Rúa da Torre, o acceso ao aparcamento do instituto Torrente Ballester e o cruzamento das rúas Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac.
A día de hoxe segue en execución as obras de Loureiro Crespo "a bo ritmo" para poder empezar na zona do Castañal. Este martes púxose en marcha un operativo de tráfico "moi importante" co corte da rúa Rodríguez Seoane para poder pasar unha tubaxe.
En canto á construción do novo víal de acceso a Monte Porreiro desde Tafisa a través dos Campos "hoxe estase asfaltando e conéctase o novo alumeado" e tan só resta colocar a nova iluminación pública e pintar. O que queda por rematar depende da obra do edificio do GDR polo que a conclusión dos traballos sufrirá outro atraso, ao pedir a empresa adxudicataria unha prórroga de tres meses diante dos problemas xurdidos no chamado "núcleo de centralidade" de Mourente, onde tamén se produce unha demora nas obras.
En canto ás novas obras proxectadas aínda haberá que esperar a que conclúan os trámites administrativos de para poder dispoñer do financiamento aprobado na última modificación de crédito do Concello.
"Estamos a terminar de redactar os proxectos de execución" das rúas perimetrais da Praza de Barcelos, de Monte Porreiro e do barrio da Santiña.
En canto á primeira fase da reforma da Praza de Barcelos, beneficiará ao tramo entre Perfecto Feijóo e a Rúa do Rouco. Esta primeira parte da actuación está valorada en 1,73 millóns de euros e inclúe a renovación de servizos subterráneos, o cambio do lastro do vial perimetral por asfalto, a reordenación do aparcamento en superficie e a mellora do patio do colexio público co traslado do transformador eléctrico instalado dentro do recinto escolar.
Demetrio Gómez Xunqueira comentou que o Concello de Pontevedra proxecta unha "grande praza" pública no barrio de Monte Porreiro no espazo comprendido entre as rúas Italia, Alemaña e Bélxica.
Para todas estas obras "a nosa intención é comezar despois do verán", excepto no caso da rúa Rosalía de Castro que aínda está a se redactar o proxecto de execución da reforma que está supeditado a que se execute o vial da Deputación que unirá esta rúa coa avenida de Marín, "senón é imposible ao quedar nun único sentido non temos outra meneira de organizar o tráfico". O proxecto deste vial está pendente de que Costas resolva a alegación presentada polo Colexio de Arquitectos.
Relacionadas:
-
A rúa Alemaña será peonil e terá unha gran praza central do tamaño da Ferrería
Por Alejandro Espiño |
-
Mosquera participa na xornada sobre desenvolvemento sostible de Évora analizando o espazo público
Por Redacción |
-
O peche do cruzamento de Rodríguez Seoane e Loureiro Crespo se prolongará até finais de xuño
Por Redacción |
-
As obras de Pontevedra chegan tarde a Google Maps
Por Manu Otero |