Xuño empeza cun descenso de oito casos activos e dous hospitalizados na área sanitaria
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estrea o mes de xuño cunha confirmación da tendencia ao descenso da incidencia da covid-19. Este martes día 1 hai oito casos activos menos que o luns e dous pacientes menos ingresados nos hospitais.
No caso dos hospitais, desde hai semanas detectouse unha tendencia a pequenas subidas e descensos da cantidade de pacientes ingresados, que varían en dous ou tres dunha xornada para outra. O luns aumentaron e este martes, volveron baixar.
En total, hai 13 pacientes ingresados, dous menos que o luns. Hai un paciente menos a unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, onde agora permanecen tres. Tamén hai unha persoa menos en planta de hospitalización, un total de dez. Deles, 9 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 1 no Hospital do Salnés.
Ademais, hai 249 pacientes leves ou sen síntomas que están no seu domicilio. En total, o número de casos activos descendeu e hai 262, oito menos, aínda que non deixan de rexistrarse novos positivos. Na última xornada confirmáronse oito novos casos, á vez que se deron 16 altas.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 13.833 pacientes (16 deles na última xornada) e faleceron por este virus na área sanitaria 179 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 423, que elevan a 236.111 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.208, deles 367 son da área da Coruña, 262 da de Lugo, 164 da de Ourense, 262 da de Pontevedra, 662 da área de Vigo, 396 da de Santiago e 95 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 84 en unidades de hospitalización e 2.099 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 122.313 persoas curadas, rexistrándose 2.419 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.254.796. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.875.459.