A Lama reasigna os seus aforros a reforzar servizos sociais e subministros
Por Redacción
A proposta do equipo de goberno de suplementar con 70.000 euros, procedentes do remanente de tesourería do ano pasado, ás partidas de Servizos Sociais e subministros motivados pola enorma demanda detectada polos efectos da pandemia tiveron o respaldo unánime dos concelleiros asistentes ao Pleno Municipal do Concello da Lama (PP, Cs e BNG).
Así os concelleiros presentes aprobaron o expediente de modificación de crédito, modalidade suplemento de crédito, para reforzar as necesidades que diversos departamentos puideran ter de aquí a final de ano, especialmente o de Servizos Sociais, que ten que atender un incremento de actuacións directamente derivadas das consecuencias da pandemia da Covid-19.
Outra parte dos 70.000 euros irá destinada á adquisición de subministros coa intención de que os operarios municipais poidan acometer un maior número de obras e servizos aproveitando a posibilidade que o Concello da Lama ten de utilización do remanente de tesourería que o ano pasado superou os 240.000 euros.
Por outra banda, a Corporación Municipal aprobou o nomeamento por unanimidade do tenente de alcalde David Carrera, como representante do Concello na Mancomunidade Terras de Pontevedra e do concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, como suplente.