Concursos, exposicións, sorteos e cursos para conmemorar o Día Nacional da Lingua de Signos
Por Redacción
O xurado da cuarta edición do concurso provincial "Xoga coas Manciñas", no que participa alumnado de Primaria e Infantil de toda a provincia coa gravación dun vídeo, conto ou canción dun autor galego en lingua de signos, reuniuse este luns con motivo dun dos actos de celebración do Día Nacional da Lingua de Signos Española.
O fallo do concurso tivo lugar na sala Valdecorvos da Casa Azul do Concello de Pontevedra, onde o xurado tivo que elixir os gañadores de cada categoría entre os 31 centros participantes. A entrega de premios está prevista para o 14 de xuño no pazo provincial, xornada na que tamén se entregarán os premios do ano pasado que pola pandemia tiveron que pospoñerse.
Ademais desta cerimonia, Xoga conmemorará esta xornada co sorteo a través das súas redes sociais dunha praza gratuíta nun curso A1 de lingua de signos.
A programación inclúe xornadas de portas abertas en diferentes concellos da provincia consistentes nunha exposición titulada "A comunidade con diversidade sensorial", unha hora de iniciación á lingua de signos, unha hora de contacontos en lingua de signos para público infantil e un coloquio sobre a diversidade sensorial.
Así mesmo, entre o 11 e o 15 de xuño iluminaranse en cor turquesa as fachadas dos concellos da provincia, así como dos edificios da Deputación. Mentres que no de Pontevedra colgarase unha pancarta conmemorativa.
O xurado do premio está composto polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a deputada de cohesión social, Olga García, a deputada de Lingua, María Ortega; e a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde.