Os concellos poderán presentar proxectos ao Plan ReacPon da Deputación desde este 2 de xuño
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
As bases do plan ReacPon sairán publicadas este martes 1 de xuño no Boletín Oficial da Provincia e desde o mércores comezará xa a contar o prazo de dous meses para que os concellos de menos de 50.000 habitantes presenten os proxectos para optar ao financiamento desta iniciativa da Deputación de Pontevedra dotada con 20 millóns de euros.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera informaron dos detalles "do máis ambicioso programa de investimento público da historia da institución" nunha reunión celebrada este luns no Salón de Plenos do Pazo provincial que contou cunha "presenza masiva" de alcaldes e concelleiros.
Nunha posterior rolda de prensa Carmela Silva agradeceu a todos eles a "boa recepción e o recoñecemento á nosa valentía".
Segundo trasladou no encontro facilitouse "información dos obxectivos que con el perseguimos, que están aliñados cos fondos Next Generation", así como das "bases transparentes, por concorrencia competitiva, con criterios obxectivos, equitativos e respectando a autonomía local" para poder optar a financiamento dos proxectos. "Quen vai a avaliar os proxectos será persoal técnico, con total transparencia", reiterou Carmela Silva.
A presidenta e o vicepresidente lembraron que xa en xaneiro deste ano, no encontro cos alcaldes para dar a coñecer a estratexia provincial de Fondos Europeos, "falamos da importancia de ter proxectos maduros centrados na rehabilitación, nova construción e mobilidade amable", as tres iniciativas obxecto de financiamento do ReacPon destinado aos concellos.
O vicepresidente César Mosquera subliñou que a Deputación de Pontevedra é das administracións máis "avanzadas" á hora de orientar aos concellos a políticas "que van cos tempos actuais e miran ao futuro" e animoulles a presentar proxectos "maduros" para optar ao financiamento.
Segundo insistiu o vicepresidente, as axudas concederanse seguindo criterios "obxectivos e numéricos", baseados en "fórmulas matemáticas" e comentou a "boa sensación" que percibiu sobre a aceptación do Plan. Neste sentido, Mosquera foi crítico co Partido Popular e asegurou que "ningún concello trasladounos as queixas que a oposición levou ao Pleno".
Mosquera tamén insistiu en que todos os concellos foran avisados desde o inicio de mandato, en sucesivas reunións, de que era preciso que fixesen proxectos e traballásenos para optar a financiamento.
Co Plan ReacPon Concellos cada municipio poderá financiar unha actuación ben sexa de rehabilitación, nova construción ou espazo público sempre que supoña un máximo do 90% do Plan Concellos que lle corresponde e un mínimo dun terzo do mesmo.
Carmela Silva sinalou que desde a Deputación "tentaremos que os proxectos sexan financiados con fondos europeos, pero o financiamento de 20 millóns está garantida".
Relacionadas:
-
Vilaboa ampliará a súa Casa Consistorial cun edificio anexo
Por Redacción |
-
Poio pedirá fondos do Plan ReacPon para a reactivación post covid-19 para mellorar a mobilidade en San Salvador
Por Redacción |
-
O PP tacha de insuficiente e partidista o plan da Deputación para reactivar a provincia
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
O pleno da Deputación dá luz verde ao plan de investimento público "máis ambicioso da historia da institución"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación activa un plan con 20 millóns de euros destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación presenta o maior investimento da súa historia para "reactivar a provincia"
Por Oskar Viéitez |