Zeivas e Espazo Feminista Marín piden o apoio das institucións contra a violencia machista
Por Redacción
Zeivas Colectivo Feminista e Espazo Feminista Marín veñen de presentar senllas solicitudes ao Pleno da Corporación e ao Consello Municipal da Muller para que se aborde a nivel institucional a escalada de violencia machista que se está producindo a nivel estatal.
Segundo estes colectivos, a situación sanitaria motivada pola pandemia, coas restricións na mobilidade e nas reunións sociais, están a motivar unha desmobilización que, dende os colectivos feministas marinenses, se observa con inquedanza.
Nun comunicado de prensa estes colectivos sinalan que "cómpre unha actitude firme, contundente e constante por parte dos organismos públicos e da sociedade no seu conxunto para evitar que os crimes machistas, as agresións físicas e psicolóxicas contra as mulleres estean pasando practicamente desapercibidos".
"Esta lacra combátese dende o ámbito local para que a sensibilización -comezando na primeira infancia e ampliándose á poboación adulta- se globalice", engaden.
Zeivas e Espazo Feminista Marín instan os grupos políticos municipais a expresar a súa condena pública na vindeira sesión da Corporación e a impulsar accións a distintos niveis -educativo, sanitario, social, cultural...- para que quede constancia do rexeitamento por parte do Concello de Marín contra a violencia de xénero.
Asemade, os colectivos feministas de Marín tamén solicitan a convocatoria extraordinaria do Consello Municipal da Muller ao entender que as mortes rexistradas en diversos puntos do Estado no que levamos do mes de maio "son indicadoras dunha perigosa tendencia que non entende de límites xeográficos nin de estratos socioeconómicos".
Nese sentido, Zeivas e Espazo Feminista Marín demandan, entre outras iniciativas, a posta en marcha dunha campaña informativa sobre as medidas ás que poden acollerse as mulleres e as súas fillas e fillos que se atopen nunha situación vulnerable.