Cuntis, cada vez máis conectado: expande Internet de alta velocidade cunha rede neutra
Por Redacción
O Concello de Cuntis segue dando pasos adiante para a implantación da internet de alta velocidade no rural mediante o proxecto de despregue dunha rede neutra FTTH.
A empresa Rede Aberta solicitou autorización para o despregue por todo o termo municipal dun plan de despregado adaptado a Cuntis que complementará os proxectos para levar fibra óptica ás parroquias que xa están desenvolvendo as empresas Telefónica e Orange.
Segundo a información facilitada polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, os traballos a realizar consisten no tendido dos diferentes tramos de rede necesaria para conectar os diferentes fogares e empresas do municipio de Cuntis.
O despregamento executarase en varias fases ao longo dos próximos tres anos, nos que se contempla a acometida ás parroquias de Arcos, Cequeril, Couselo, Cuntis, Estacas, Piñeiro, Portela e Troáns.
Manuel Campos informou de que as conexións serán de ata 600 megas, "unha velocidade moi competitiva que hai poucos anos era totalmente impensable en zonas do rural", e destacou que con esta implantación Cuntis pasará a ser un dos concellos máis avanzado no ámbito das telecomunicacións no espazo rural.
Campos lembra que hoxe en día é imposible traballar sen internet de máxima calidade e Rede Aberta "permitirá dotar Cuntis de servizos tecnolóxicos de primeiro nivel iguais aos que se ofrecen en cidades e núcleos urbanos".
Rede Aberta é unha rede neutra aberta a todos os operadores de telecomunicacións á que poderán acceder os operadores locais e emprendedores. Isto supón un avance fundamental para chegar a unha solución coa que expandir o internet de máxima velocidade ao rural e dar así resposta a unha demanda da veciñanza ao arranxar os problema das deficientes conexións anteriores.