O PSOE de Marín critica ao goberno local por "gastar máis de 8,5 millóns que contaban con reparos suspensivos"
Por Redacción
O Partido Socialista de Marín critica ao Concello pola resolución do informe sobre a liquidación do orzamento xeral de 2020 no que identifica "os acordos adoptados pola alcaldesa ou polo pleno da corporación contrarios aos reparos formulados polos funcionarios do concello".
Son 90 expedientes emitidos polo Servizo de Intervención e que acadan un importe acumulado de 8.569.000 euros, segundo o PSOE. Sobre eles efectuaron reparos suspensivos na súa tramitación por incumplir algunha das normativas esixibles para a súa aprobación, como poden ser facturas que non tiveron autorización previa, horas extraordinarias ou productividades dos funcionarios, superación dos límites de contratación, etc.
É por iso, que os socialistas afirman que o informe detalla que "se detecta ausencia de planificación na xestión de contratos de obra, contratos de subministro e contratos de servizos" recomendando que se evite "a contratación verbal".
Tamén indica que "é necesario un adecuado control e regulación do procedemento de prestación de servizos extraordinarios e horas extraordinarias do persoal municipal" e, no caso de subvencións públicas, "detectan deficiencias procedimientais que deben ser solventadas mediante a aprobación de medidas axeitadas que cumpran normativa de subvencións públicas".
Desta forma, o Servizo de Intervención indica que nun prazo máximo de 3 meses deberá remitirse un plan de acción coas medidas correctoras que se adoptarán, un responsable de implementalas e un calendario de actuacións, en cumprimento do artigo 38 do RD 424/2017 sobre control interno no sector público: "o mesmo que indicaron no ano 2019 e que o goberno municipal non elaborou".