Caldas prepara andainas guiadas para dar a coñecer a biodiversidade do Umia e a súa contorna durante o verán
Por Redacción
O Concello de Caldas colaborará na organización de andainas guiadas e divulgativas ao longo do verán polas marxes do Umia e a súa contorna. Con elas, buscarán informar e dar a coñecer a gran variedade de especies que habitan os ecosistemas próximos a este curso fluvial.
Segundo explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, o obxectivo é que, ao longo dos traxectos, as persoas participantes observen e identifiquen as diferentes especies tanto animais como vexetais (aves, anfibios, insectos, plantas, etc.) presentes nunha contorna natural de enorme valor biolóxico.
Contarán co fotógrafo e estudioso da diversidade biolóxica de Caldas, Santiago Monteagudo, que acompañará os participantes no proceso de observación e investigación. Unha das andainas terá como protagonista aos anfibios un xénero que poboa amplamente o río Umia e os seus afluentes.
Monteagudo, pola súa banda, comentou que "desgraciadamente os anfibios están en recesión en toda Galicia", cuestión que considera "moi grave ao entender que se a terra da auga queda sen anfibios, realmente perdería a súa razón de ser".
Sen embargo, sinala que "afortunadamente, na contorna do Umia podemos descubrir moitas especies do xénero dos anuros e dos urodelos"coma o sapo común, o sapo raxado, a ra de San Antón, a ra ibérica, ou a ra verde.