Un brinde polas súas vodas de ouro marca o inicio da Festa do Marisco do Grove
Por Redacción
Preto de 150.000 persoas. ÿ a cifra de asistentes á que esperan chegar os organizadores da L Festa do Marisco de O Grove, segundo explicou o alcalde Miguel Pérez na súa inauguración. A festa celebra as súas vodas de ouro estreando o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional. Nesta cincuenta edición, o seu produto máis popular poderase degustar ata o vindeiro domingo 13 de outubro.
Durante estes once días, máis de 60 persoas traballarán no recinto da festa. Ocuparanse da limpeza das carpas, de vender os tiques de comida ou reforzarán as cociñas para atender a todos os visitantes. Nesta zona de degustación, que estará aberta todos os días desde as doce da mañá (salvo sábados e domingos que comezarán a servir ás once), poderanse probar todo tipo de marisco a prezos populares.
Trala inauguración deste xoves, que se realizou cun brinde entre as autoridades, comeza unha festa que chega cunha programación cargada de actividades. O primeiro punto de interese céntrase no tradicional Día de Portugal que se celebrará este venres. Nesta ocasión, os invitados serán unha comitiva chegada do pobo de Póvoa de Lanhoso (Braga) que, ás 12.00 horas, protagonizarán unha recepción na casa consistorial de O Grove.
Ademais, entre outras actividades, dará comezo a Cociña en Vivo. Ás 12:00 horas a cocinera Margarita Torres do Restaurante Areoso mostrará na carpa institucional como se prepara "o rodaballo Areoso" e ás 19:00 horas veremos en acción ao cocteleiro José Soto do Casino La Toja. Ás 13.00 horas, nesa mesma carpa celebrarase a apertura dunha exposición sobre o cultivo do mexillón.
Xa pola noite será o momento da lectura do pregón da festa. A encargada de facelo (Praza do Corgo, 21.00 horas) será a xornalista Pilar Cernuda. Será un acto previo á agardada IX Gala da Musical Festa do Marisco, un espectáculo musical que reunirá a artistas da talla de Merche, Pitingo, Natalia e Espectáculos Musicais Showtime, no que participan actores e bailaríns de coñecidos musicais.
A programación para os próximos días pódese consultar neste enlace.