Atraer visitantes, obxectivo da estratexia de dinamización turística do Concello
Por Redacción
O goberno local de Vilaboa propúxose ocupar un oco no mapa turístico das Rías Baixas potenciando as súas opcións para atraer visitantes. Este municipio forma parte do Camiño Xacobeo da Costa e polo Camiño Portugués, ademais de estar situado preto de Vigo e de Pontevedra, circunstancias que queren utilizar para fomentar a actividade do turismo nos próximos meses.
Ademais, desde o Concello lembran que contan cun espazo privilexiado como a Enseada de San Simón, o parque de Castiñeiras ou as Salinas do Ulló como atractivos singulares. César Poza, alcalde do municipio, quere que se elabore unha estratexia de turismo cunha análise concreta destes elementos interesantes para persoas que queiran achegarse ata a zona, con identificación, descrición, localización e xeolocalización destes produtos turísticos actuais, ademais de propostas de recuperación e divulgación de elementos de interese turístico localizados e a procura doutros atractivos e alternativas aínda non identificadas.
A idea é elaborar un programa para o Turismo a curto, medio e longo prazo, coordinándose coas fórmulas empregadas por Turismo Rías Baixas, Turgalicia e outros organismos de diferentes administracións.
O técnico de turismo incorporado recentemente ao persoal municipal encargarase de elaborar este programa. Este técnico prestará os seus servizos ata o mes de decembro grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra.
O goberno local conta con poñer en marcha, despois dos primeiros pasos, un Plan de Acción que ordene e planifique actuacións concretas para buscar investimentos doutras administracións e entidades que permitan potenciar esa imaxe que atraia visitantes a Vilaboa.