Deseñan un programa de prevención de drogodependencias dirixido aos primeiros cursos da ESO
Por Redacción
A Fundación Galega contra o Narcotráfico ven de presentar este xoves o Programa de Prevención de Drogodependencias Na Liña que se enmarca dentro das actividades de Prevención e Sensibilización Social que leva a cabo. Na Liña, programa elaborado por profesionais do ensino e da prevención, vai dirixido a familias, alumnos e profesores de 1º e 2º curso da ESO en Galicia.
A Deputación Provincial de Pontevedra, sensible á importancia da prevención de drogodependencias nos centros educativos da provincia, apoia a iniciativa a través de diversas accións entre as que destaca a edición dos Manuais do Programa, que facilitan a labor do profesorado nos institutos e centros concertados de Pontevedra.
O programa, apoiado tamén dende o Concello de Vilagarcía de Arousa, será difundido coa colaboración da Consellería de Sanidade e o Plan Nacional sobre Drogas.
Na Liña, que nace como complemento a outros programas existentes, plantexa a súa intervención nos primeiros cursos da ESO, para aportar formación e información aos rapaces antes de ter os primeiros contactos coas drogas.
Dende a Fundación se fai especial mención na necesidade de impartir contidos de Educación para a Saúde como materia obligatoria nos centros educativos, pola especial importancia que teñen na formación integral da persoa conceptos como hábitos saudables, educación vial, alimentación, educación sexual, prevención de drogodependencias e outras adiccións. Materias que hoxe en día quedan, en boa parte, suxeitas á voluntariedade do profesor e ao escaso tempo dispoñible nas titorías.