Localizado san e salvo na súa casa un pescador desaparecido en Bueu tras caer ao mar
Por Redacción
Un pescador que desaparecera esta madrugada tras caer ao mar na zona de Cabo Udra, en Bueu, foi achado horas despois na súa casa san e salvo.
Os servizos de emerxencia activaran o operativo de busca sobre as 03:30 horas, despois de que o 112 Galicia recibise unha chamada informando dunha embarcación envorcada.
Salvamento Marítimo e o servizo de Gardacostas de Galicia mobilizaron os seus vehículos aéreos e marítimos de rescate para dar co seu paradoiro, mentres que axentes da Garda Civil e da Policía Local de Bueu completaron o operativo por terra.
Cinco horas despois, ás oito e media da mañá, o pescador foi atopado polos servizos de emerxencia na súa propia residencia.
Ao parecer, atópase en bo estado de saúde.