O colexio de Carballedo estrea unha horta escolar ecolóxica
Por Redacción
A comunidade escolar do colexio plurilingüe de Carballedo estreou este xoves un novo proxecto educativo no centro. Trátase dunha horta escolar ecolóxica na que está a traballar todo o alumnado.
Os rapaces participaron ben na construción e preparación da mesma ou na plantación de diferentes hortalizas de tempada como cebolas, leitugas, cenorias ou tomates.
Con este proxecto buscábase que os nenos e nenas leran diferentes libros que tratan sobre o cultivo, coñeceran as diferentes especies de hortalizas, legumes ou plantas, viviran en primeira persoa o proceso de xerminación e posterior plantación ou se responsabilizaran de todo o coidado da propia horta.
Así, entre outras cousas, será cousa súa eliminar herbas invasoras, regar ou aboar o terreo.
O CEIP de Carballedo contou coa colaboración do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez de A Estrada, concretamente do profesorado e alumnado do ciclo formativo de carpintería que lles deseñou e tallou en madeira un cartel en relieve para presidir a zona.
Leva o nome de A horta de Castañón, facendo referencia a mascota do centro.
O cartel foi destapado hoxe por dous alumnos do centro en representación dos seus compañeiros, que observaron como se inauguraba a horta á que tantas horas lle dedicaron.