As monxas de Armenteira abren a súa tenda ao mundo
Por Redacción
As monxas do mosteiro de Armenteira ábrense ao mundo. Dende hai anos contaban cunha páxina web na que daban a coñecer o seu día a día, o seu traballo e os produtos que confeccionaban, pero dende agora contan tamén cunha tenda on line na que se poden adquirir todas as súas creacións.
Con este paso, convertéronse no primeiro mosteiro cisterciense español cunha tenda on line. Para a venda destes produtos propios renovaron a súa web e en agosto crearon unha conta na rede social Facebook.
A web é, segundo un comunicado de prensa difundido este xoves, un espazo dinámico que permanentemente ha de facerse eco das novidades en canto á produción de xabóns que realizan as relixiosas con produtos naturais e autóctonos, nalgúns casos, procedentes do seu propio horto ecolóxico.
A tenda vende os seus xabóns de elaboración natural tanto de forma individual como en paquetes ou preparados para vodas e ocasións especiais. Ademais, faise eco da súa oferta de hospedaxe de 14 cuartos e salas de reunións.
Estes produtos tamén se venden na propia tenda do mosteiro e as dos mosteiros de Oseira, Zenarruza, Huerta e Escalonias. Ademá, os xabóns comercialízanse nos establecementos do Seminario de San Martín Pinario en Santiago de Compostela e no Showroom do número 143 da rúa Montañés en Madrid.