Xornada formativa para os 26 novos contratados polo Concello de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está impartindo, a través dunha empresa especializada, unha xornada formativa en materia de seguridade e hixiene laboral na que participan os 26 novos contratados pola adminstración local a través dunha inicitiva de emprego con cargo ao Plan Concellos deste ano.
Durante 4 horas, os 26 traballadores participantes, contratados ao abeiro da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra reciben a formación específica para cada un dos seus respectivos postos de traballo, tal e como marca a lei, en materias como a prevención de riscos laborais.
O Concello de Cerdedo-Cotobade destinou este ano uns 317.000 euros a reforzar o plantel municipal de Obras Públicas e Medio Ambiente coa incorporación de 26 persoas desempregadas dentro do programa de emprego municipal que conta cunha aportación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de 287.772,06 euros e 30.000 de fondos propios municipais.
Estes 26 novos traballadores desempeñarán as súas funcións desde o 1 de maio ata o 31 de agosto cunha xornada completa e un salario bruto aproximado duns 1.108 euros, ao que hai que engardir as cotizacións á Seguridade Social dos sete meses que dura o seu contrato.
Estes novos traballadores prestan os seus servizos en apoio ao persoal municipal do seguinte xeito: Cinco encofradores, dous canteiros, 8 podadores, desbrozadores e motoserristas forestais, un soldador, un mecánico, dous conductores-operadores de maquinaria forestal a motor, dous conductores de camión, 4 mozos de recollida de lixo e un electricista.
Como é preceptivo, o Concello de Cerdedo-Cotobade orientou estas contratacións a persoas que estaban en situación de desemprego e ademais priorizou a colectivos especialmente desfavorecidos na súa incorporación ao mercado de traballo, como son as vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas cunha discapacidade superior ao 33%, membros de familias monoparentais con fillos a cargo, persoas con niveis de renda baixos ou aqueles que teñan cargas familiares.
Estes traballadores, que se integraron xa nas brigadas municipais e actúan baixo a coordinación do encargado, realizan tarefas de acondicionamento e creación de marquesiñas e peches municipais, reparacións urxentes, pavimentacións, muros, empedrados de urbanizacións, pintado de vías e dependencias do Concello, mantemento de vehículos e maquinaria, conducción de tractores, limpeza e roza de rutas de sendeirismo e zonas verdes e control medioambiental, mellora de cadros eléctricos, reparacións urxentes nas liñas e mantemento e reposición de luminarias.