VIDEO.- Un lobo enfermo refúxiase nunha casa abandonada de Cuntis
Por Oskar Viéitez
Unha veciña do lugar de Castrolandín, pertencente á parroquia de Santa María de Cuntis, viu no serán deste martes como un cánido de importante tamaño se refuxiaba nunha casa abandonada desta aldea ao cruzarse no seu camiño.
A veciña pesou nun primeiro momento que se trataba dun can e informou do acontecido aos seus familiares que se achegaron ao lugar onde comprobaron, para sorpresa e incredulidade, que non era un can, senón un exemplar de lobo que permanecía deitado no interior da ruína en aparente mal estado de saúde.
Eran aproximadamente as 20.00 horas cando a veciñanza deu aviso ao Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis informando da aparición do lobo.
Unha vez no lugar os membros do operativo comprobaron que, en efecto, se trataba dun exemplar de lobo ibérico (Canis lupus ignatus). O animal continuaba deitado e apenas reaccionaba ante a presenza da xente.
Ante a incerteza de como actuar realizaron unha primeira chamada ao 112 solicitando comunicarse co Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe e poder trasladar o animal ao refuxio.
Non obstante, isto non foi posible e desde o 112 tampouco se soubo dar unha resposta clara a que facer ante a situación. Foi entón cando se avisou ao alcalde, Manuel Campos, que tamén se acercou ao lugar e realizou xestións para que a Consellería de Medio Ambiente enviase un equipo especializado para tratar o animal.
Así, trasladouse a Cuntis un grupo composto por un veterinario e un axente medioambiental, que acudiron acompañados do xefe de servizo da Consellería. Procedeuse ao adormecemento do animal coa inxección dun dardo sedante e tras introducilo nun transportín foi trasladado polo Servizo Municipal de Emerxencias ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotobade onde se está a recuperar.
Manuel Campos explica que o lobo tiña síntomas evidentes de desnutrición e debilidade causadas previsiblemente por algunha enfermidade, pero sen descartarse tampouco a posibilidade dunha intoxicación por veleno.