O Concello de Poio firmará co banco BBVA un préstamo de 2,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Pleno da Corporación despachou na súa sesión ordinaria do mes de maio, celebrada o martes, o último requisito previo á solicitude dun préstamo de 2,7 millóns de euros que permitirá a posta en marcha dunha batería de actuacións cun investimento total que rolda os 6 millóns de euros.
Cos votos a favor do equipo de Goberno (BNG, PSOE e Avante Poio), aprobouse a adxudicación da concertación do contrato do devandito préstamo á entidade BBVA.
Nos vindeiros días procederase á firma do documento e será a partir de entón cando o Concello xa poida facer uso destes cartos.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro (BNG), destacou que os intereses a pagar anualmente son inferiores a 6.000 euros. "Pagaremos en tempo e prazo, como xa fixemos no pasado, sen condicionar a situación das arcas do Concello e garantindo novas infraestruturas e servizo, así como a reactivación económica do municipio", garantiu.
Pola súa banda o voceiro do PP, Ángel Moldes afirmou que "ninguén cría que o préstamo de 2,7 millóns de euros tería intereses do 0% e o tempo volveu a dar a razón, por desgraza, o PP e o préstamo terá uns intereses anuais que lle costará os veciños de Poio máis de 100.000 euros".
"O Tripartito volveu a mentir e o peor é que converteu a Poio no Concello máis endebedado da provincia e o único que subiu os impostos locais en plena pandemia e crise económica", insistiu Moldes.
CAIXEIRO EN RAXÓ
Neste mesmo Pleno abordouse unha moción que presentaron os concelleiros do PP para esixir a dotación dun caixeiro automático na parroquia de Raxó a través da licitación dun concurso público por parte do Concello.
O Goberno local votou en contra da medida "pola inflexibilidade da oposición á hora de buscar alternativas viables" para impulsar esta actuación, que, "se ben é certo que é necesaria e responde a unha demanda veciñal, debe ser acometida polas propias entidades bancarias".
"O PP sabe perfectamente que está pedindo que se impulse un servizo dun negocio privado sufragándose con cartos públicos", sinalaron os dirixentes municipais.
Relacionadas:
-
O Goberno local destaca que Poio mantén a súa débeda municipal "moi por debaixo do máximo establecido pola lei"
Por Redacción |
-
Moldes acusa o goberno local de abrir 2022 coa maior débeda da historia
Por Redacción |
-
O goberno local de Poio asegura que xa consolidou actuacións chave antes da metade do mandato
Por Oskar Viéitez |
-
Poio prepara unha batería de actuacións nas que investirá 5,5 millóns
Por Redacción |
-
O pleno de Poio aproba a petición dun préstamo de 2,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |