O TSXG volve avalar as medidas da Xunta: "de relaxarse as restricións, podería volver aumentar a incidencia do virus"
Por Natalia Puga
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou de novo as medidas preventivas para facer fronte á covid-19 aprobadas pola Xunta de Galicia. Xa aprobara as primeiras medidas despois de deixar de estar en vigor o estado de alarma e agora tamén as que o Goberno galego decidiu prorrogar. Trátase de medidas vixentes entre este martes e o vindeiro sábado 29 de maio ás 00.00 horas.
Entre outras medidas, o TSXG dá o visto bo á prohibición de reunións entre non conviventes entre a unha e as seis da madrugada en toda a comunidade autónoma e ás limitacións dos encontros a un máximo de catro persoas en espazos interiores e de seis en exteriores, tanto no ámbito público como no privado, salvo que se trate de conviventes.
A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG ve estas medidas "proporcionadas e necesarias" e considera que o "relevante risco" que existe en Galicia xustifica a adopción de medidas que poidan "reputarse idóneas para conter a transmisión do virus".
Os xuíces tamén indican que os datos achegados polo Goberno galego demostran que "non se está alcanzando a redución da incidencia a 14 días desexable, que sería por baixo dos 50 casos por 100.000 habitantes, e a velocidade é lenta, polo que, de relaxarse as restricións, podería volver aumentar a incidencia do virus".
Fronte a esta evolución, os maxistrados consideran "constatada" a eficacia da limitación do número de persoas non conviventes nas reunións, sobre todo en interiores. Así, explican que, tanto o informe sobre a evolución da pandemia achegado pola Xunta como diversos estudos científicos e os datos do Estado sobre ámbitos de contaxios proban que a redución dos contactos sociais no interior de establecementos "ten a capacidade de diminuír a velocidade de transmisión".
Estas evidencias, segundo os maxistrados, "avalan por si soas a limitación de agrupación de persoas", tanto en interiores como no exterior, mentres se manteña a situación de risco, na medida en que os espazos de reunión informal, nomeadamente no sector da hostalería, "implican prácticas necesariamente de alto risco, isto é, requiren a retirada da máscara".
O tribunal subliña que se se retira a barreira física "máis eficaz de transmisión do virus polo ambiente", a única contramedida "verosímil" de redución do risco é "a limitación da concorrencia de persoas". A Sala entende "que o sacrificio imposto ao dereito de reunión resulta xustificado en prol da protección da saúde e da integridade física".
O TSXG tamén avala o peche perimetral e as limitacións á mobilidade nocturna durante as 23.00 e as 6.00 horas e ás agrupacións de persoas impostas ao Concello de Lobios, en Ourense, por atoparse nunha situación epidemiolóxica de maior gravidade que o resto dos municipios de Galicia.
Consideran acreditado que a adopción combinada das medidas de restrición de mobilidade nocturna, a limitación á reunión a determinado número de persoas e mais a contención da poboación mediante o peche perimetral son "sumamente eficaces para alcanzar o resultado proposto de preservación da saúde da poboación, limitando os contaxios internamente, nos espazos afectados, neste caso no concello, e, asemade, preservando o resto do territorio da exposición ao contacto con cidadáns con máis alto risco de contaxio".