Poio entrega un composteiro á residencia Ballesol
Por Redacción
A tenente de alcalde e responsable do departamento de Obras de Servizos Municipais no Concello de Poio, Chelo Besada, fixo entrega este martes dun composteiro individual á Residencia para Maiores Ballesol, situada na parroquia de San Salvador.
Este dispositivo ficará instalado no xardín do centro e será utilizado para a elaboración de compost, de cara a poder ser utilizado nas hortas elevadas das que dispoñen as dependencias.
A concelleira do PSdeG-PSOE amosou a súa satisfacción e agradecemento polo interese amosado polos responsables da residencia poiense á hora de dispoñer dun servizo que "cada vez está a adquirir un maior protagonismo no noso municipio".
Neste sentido, Besada lembra que, desde a instalación do primeiro composteiro comunitario na contorna de Ferreirós, en outubro de 2020, a parroquia xa conta con varias destas unidades, cuxa utilización está a ser moi demandada por parte da cidadanía. "Isto fala ás claras do compromiso da sociedade en Poio en materia de concienciación no que ao coidado do medio ambiente se refire", celebra a tenente de alcalde.
A unidade entregada á residencia de maiores é unha das 50 de carácter individual que vén de recibir hai unhas semanas o Concello de Poio por parte de Sogama, grazas á adhesión da Administración local ao Programa de Compostaxe Doméstico impulsado pola propia entidade autonómica.
Trátase dun recipiente con capacidade para 400 litros, segundo detallou a tenente de alcalde.
Ademais do entregado en Ballesol, recentemente tamén se repartiron composteiros idénticos entre diferentes centros educativos, como os colexios de Viñas e Chancelas, o resto de recipientes entregados por Sogama serán repartidos entre a veciñanza que o solicite.
O Concello ten previsto investir 100.000 euros na compra de medio milleiro de novas unidades, tamén individuais, para distribuír ao longo do municipio. "A nosa intención é comezar a repartilos en Raxó e, desde aí, completar todas as parroquias ata chegar ata San Salvador", conclúe a tenente de alcalde socialista, que tamén corrobora a intención do Goberno local de continuar instalando composteiros comunitarios naqueles núcleos nos que exista "demanda suficiente".
Relacionadas:
-
En trámite a adquisición de 700 composteiros individuais para repartir de xeito gratuíto entre a veciñanza de Poio
Por Redacción |
-
A Escola do Vao pon a punto da súa horta ecolóxica
Por Redacción |
-
Xa funciona o segundo centro de compostaxe comunitario da parroquia de San Salvador
Por Redacción |
-
O Concello de Poio mercará un milleiro de composteiros individuais
Por Redacción |