Drons, big data e sementes intelixentes para reforestar os montes arrasados polos incendios en Cerdedo-Cotobade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Catro anos despois do voraz incendio que en abril de 2017 arrasou os montes de Borela, en Cercedo-Cotobade, a zona devastada empezou a volver á vida. Este martes, comezou unha pioneira reforestación que encherá a zona de 10.000 árbores de especies autóctonas e que, ademais, abre un proxecto que nos próximos dous anos permitirá plantar 250.000 en 179 hectáreas de terreo.
A reforestación combinará métodos tradicionais coas últimas novidades tecnolóxicas de tal forma que o 20% do terreo se reforestará "con pico e pa" e unha plantación ao uso mentres que o 80% restante realizarase mediante o uso de drons, big data e sementes intelixentes. Estes métodos innovadores permitirán chegar a zonas de difícil acceso e tamén o rápido crecemento das plantas.
Este proxecto deu este martes os primeiros pasos cun acto ao que asistiron o subdirector xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e dous responsables da empresa Leroy Merlin, impulsora do proxecto, o director Rexional Zona Noroeste de Leroy Merlin, José Ramón Abad, e o responsable de Expansión, Alexandre Mignot.
Todos puideron plantar coas súas propias mans os primeiros carballos, castiñeiros e vidueiros da plantación tradicional e tamén presenciar o traballo dun dos drons que se usará no proxecto, que nun voo de entre 5 e 7 minutos pode, en función do vento e distintas variables, reforestar unhas 3 hectáreas.
Os drons son a base do proxecto e utilízanse tanto para sementar sementes de acompañamento en zonas de reforestación a man como para realizar toda a plantación en zonas de difícil acceso, segundo explicou Emilio Fernández, responsable de Operacións do proxecto de inserción laboral da empresa CO2 Revolution, encargada de executar a reforestación.
Para poder actuar nas zonas de difícil acceso, realízase previamente unha análise do big data do terreo e a continuación prográmase un plan de voo automático supervisado por un piloto en todo momento que planta sementes intelixentes pregerminadas. Eses drons teñen un depósito con capacidade para 15 quilos de carga e este martes, na primeira demostración, cargouse con 10.000 sementes encapsuladas.
Durante este ano 2021, a reforestación devolverá a vida a montes queimados de Borela, Carballedo e Rebordelo e en 2022 tocaralle ás zonas de Tenorio, Loureiro e Quireza. Máis aló desa data, xa hai mesmo en proxecto unha segunda fase da que aínda non se concretaron máis datos.
Ademais de rexenerar zonas queimadas, este proxecto ten unha vertente social que terá impacto en Cerdedo Cotobade porque CO2 Revolution selecciona persoas en risco de exclusión, ofrécelles formación en peón forestal e logo dá traballo a entre 10 e 15 para as plantacións. Ademais, a idea é que eses novos peóns encárguense nun futuro do mantemento do monte reforestado.
Jorge Cubela destacou que se trata dun proxecto pioneiro que pon a Cerdedo-Cotobade no mapa e co que, ademais de regresar á vida os montes queimados, van "mitigar los efectos del cambio climático" e destacou os "valores" de Leroy Merlín e a súa contribución para mellorar a conciencia social de que "el territorio tenemos que cuidarlo".
Tomás Fernández-Couto insistiu na colaboración a tres bandas entre as administracións, a empresa privada e as comunidades de montes propietarias do terreo mentres Cubela destacou a importancia do traballo conxunto.
José Ramón Abad explicou que este proxecto é resultado directo da iniciativa #UnRegaloParaLosBosques, na que Leroy Merlín transforma os ‘gústame’ das súas publicacións nas redes sociais en árbores a plantar, e enmárcase na liña de traballo do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 15 da empresa. Sacou peito, ademais, de que representa a unha firma comprometida coa recuperación ambiental, a loita contra o cambio climático e a redución da pegada de carbono.
Como parte dese compromiso, por exemplo, perseguen que o 100% da madeira que utilizan teña certificado de xestión forestal sostible. Todo forma parte dunha filosofía de crear espazos nos que vivir mellor e tamén dun compromiso coa sociedade, pois "la sociedad nos ha dado mucho e intentamos devolver lo que nos han dado".
Relacionadas:
-
Un grupo de 50 voluntarios quere plantar 12.000 árbores en montes de Carballedo manualmente e mediante drons
Por Redacción |
-
Activado o Comité Provincial de Coordinación Policial contra os Incendios Forestais
Por Redacción |
-
Plantarán 20.000 árbores autóctonas nos montes comunais de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cotobade loita contra o acoso dos incendiarios
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade activa un plan para protexer as súas 18.000 hectáreas forestais
Por Redacción |
-
Os cinco incendios en Cerdedo-Cotobade foron obra de "criminais", segundo o alcalde
Por Alejandro Espiño |
-
Segue ardendo o monte en Borela, Aguasantas e Saiar. Extinguido o lume en Tenorio
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada