Poio confía en remitir en breve á Xunta o informe de avaliación ambiental do PXOM
Por Redacción
Logo da súa constitución hai apenas uns días, a Mesa de Traballo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Poio celebrou este luns a súa segunda sesión, na que se abordou o estado do informe de avaliación ambiental.
O presidente da Mesa e concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, valorou positivamente os avances feitos e explicou que a intención do Concello é remitir en breve á Xunta de Galicia o devandito informe. "A partires de aí, quedaremos pendentes das directrices que nos marque a Administración autonómica para continuar co proceso", aseverou Agís, que recalcou a importancia da implicación dos catro grupos da Corporación, todos eles representados na mesa.
"As achegas que se realicen e que teñan cabida desde o punto de vista técnico e normativo axudarán a que Poio conte cun PXOM moito máis completo e rico en matices", indica o edil de Goberno local.
O informe ambiental remitirase á Xunta unha vez sexa levado previamente á Comisión de Urbanismo. A vindeira convocatoria da Mesa do PXOM farase unha vez se reciba a resposta da Xunta. Será entón "cando continuaremos coa folla de ruta para acadar un plan de consenso", garante Agís.
A constitución da Mesa de Traballo do PXOM contempla que permaneza operativa ata que finalice todo o proceso previo á aprobación do plan. O responsable de Urbanismo garante, asemade, que se achegarán ferramentas para facilitar as achegas que poidan realizar os veciños de Poio, a través de fórmulas telemáticas ou reunións informativas, entre outras opcións.
ACUSACIÓNS DO PP
Nesta xuntanza o PP esixiu ao Goberno local "que explique aos veciños desde o principio cales son as súas intencións en relación ao urbanismo de Poio".
O voceiro popular Ángel Moldes afirmou que foi o PP quen "conseguiu arrancar" do Goberno local o compromiso de que o documento de inicio do PXOM se publique na web do Concello en canto se remita á administración autonómica, para que a veciñanza poida ter toda a información.
Moldes explicou que "a presión do PP está sendo fundamental para que esta vez a tramitación do Plan Xeral sexa aberta para todos, e non para uns poucos". O popular afirmou que "nos últimos 13 anos o tripartito levou a tramitación ás agachadas, e pouco a pouco estase a descubrir que se non aprobaron un PXOM repleto de pelotazos urbanísticos foi por medo á reacción do pobo".
Relacionadas:
-
Poio remite á Xunta o informe de avaliación ambiental do PXOM
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para un PXOM "de consenso" en Poio
Por Redacción |
-
O PP ve un "paripé" a mesa do PXOM convocada en Poio, pero participará "por responsabilidade"
Por Redacción |
-
Poio constituirá o vindeiro 11 de maio a mesa de traballo do PXOM
Por Redacción |
-
Poio impulsa unha mesa de traballo para consensuar o PXOM
Por Redacción |