Axudas de máis de 35.000 euros para afrontar a crise nos negocios máis afectados pola pandemia
Por Redacción
O vindeiro pleno da corporación de Barro aprobará axudas para os sectores máis afectados pola crise pandémica, segundo anuncia o goberno municipal. A intención é reactivar a economía do Concello e manter en funcionamento os establecementos de proximidade e na hostalería.
O programa de axudas contempla unha achega do 1% do seu orzamento para axudar aos negocios de Barro, que se viron obrigados a pechar a súa actividade comercial. Trátase de 25.000 euros das arcas municipais que serán completados coa cantidade de 10.700 euros aprobada pola Deputación de Pontevedra, a través da liña 2 do Plan Concellos 2021.
En total, o goberno local destinará 35.700 euros para que os diferentes locais comerciais e servizos do municipio teñan elementos para facer fronte ás dificultades económicas derivados da situación sanitaria.
As axudas, segundo o goberno que dirixe Xosé Manuel Fernández Abraldes, irán destinadas á hostalería, comercio, ximnasios, empresas de lecer e cultura que carecesen de actividade por un período mínimo de dous meses entre o 14 de marzo de 2020 ata a actualidade e que teñan o establecemento en Barro. As axudas será dunha contía de 600 euros por establecemento e de 1.000 euros no caso de empresarios con máis dun local comercial.