O "escudo social" do Goberno en Pontevedra: 2.700 millóns de euros e 85.000 persoas beneficiadas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, considera que "nos tempos nos que estamos, é importante fixar a mirada, non deixar a ninguén atrás" e que en plena crise económica e social derivada da pandemia da covid-19 as inversións no ámbito social deben ser unha prioridade. É toda unha declaración de intencións das liñas de actuación que segue desde a súa chegada á Delegación e tamén da política do actual Executivo estatal á que representa e este luns, con motivo da súa primeira visita á Deputación Provincial de Pontevedra, fixo fincapé na súa importancia e no traballo xa realizado.
Miñones puxo cifra ao denominado "escudo social" do Goberno central na provincia de Pontevedra e, despois de manter unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, revelou que o Executivo destinou a esta provincia 2.700 millóns de euros e puxo en marcha políticas de protección que beneficiaron a máis de 85.000 persoas e 13.000 empresas.
Máis polo miúdo, o delegado detallou que desde o inicio da crise sanitaria da covid-19 o Goberno destinou á provincia 230 millóns na liña de acción dos ERTE, pagou máis de 500 millóns en prestacións por desemprego e destinou máis de 2.100 millóns a empresas, autónomos, comercios ou hostalería a través das liñas ICO.
O delegado tamén aproveitou para facer balance doutros proxectos postos en marcha polo Goberno con impacto na provincia e destacou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Instituto para a Diversificación Enerxética (IDAE) concedeu axudas para 75 proxectos de mellora de eficiencia enerxética e térmica e para mellora da mobilidade que implicaron 39,2 millóns de euros.
A primeira visita oficial de Miñones serviu tamén para dar o seu apoio á Deputación provincial que preside Carmela Silva e para asegurar que no contexto actual "a colaboración é básica e vexo que aquí a atopei". Insistiu na importancia da colaboración entre institucións e na que mantén o actual Executivo central coa Xunta de Galicia.
Neste senso, Carmela Silvia reprochou á Xunta que nunca dá a coñecer esta colaboración do Goberno e que presume de actuacións postas en marcha durante a pandemia como, por exemplo, as axudas ao comercio que este luns o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou en Pontevedra sen recoñecer que os fondos proceden do Estado.
Segundo as cifras facilitadas por Miñones, o Goberno xa apoiou á Xunta de Galicia con 1.258 millóns de euros para facer fronte ás consecuencias da pandemia, 234 deles para empresas e autónomos. Estes fondos o delegado do Goberno confía en que o Executivo de Feijóo os transfira para que unha parte a xestionen os concellos.
Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, Carmela Silva agradeceu "o talante e o talento" de Miñones e que nun momento actual no que na política hai "tanto ruído" demostre que "é posible falar en clave de colaboración, en clave de diálogo". O delegado devolveulle á presidenta provincial as palabras de agradecemento e eloxiou o seu traballo e, en concreto, un proxecto, o Plan Concellos.
Así, destacou que "a cooperación, o respecto á autonomía local e o equilibrio territorial son tres alicerces desta iniciativa que coinciden co que no Goberno pensamos que é fundamental", e que a Deputación é quen de lograr un mellor reparto de achegas e que os seus fondos e iniciativas chegan a cada punto da provincia.
Como exemplo da necesaria colaboración entre institucións, o representante do Goberno en Galicia puxo a loita contra a violencia de xénero. Ademais de destacar o papel persoal de Carmela Silva e da súa Deputación en políticas de igualdade, tamén fixo un repaso ao sistema VioXén do Ministerio do Interior, pois 12 concellos da provincia xa renovaron o convenio para adherirse a este programa e que as policías locais, a Garda Civil e a Policía Nacional colaboren na atención ás vítimas. Ademais, "en breve", sumaranse outros seis, A Guarda, Tui, Ponteareas, Cangas, Cambados e Nigrán.
Durante a reunión que mantiveron este luns, José Miñones tivo coñecemento do Plan Estratéxico de Fondos Europeos da Deputación, co que aspira a captar ata 300 millóns de euros e a presidenta provincial pediulle que sexa un "aliado".
Outro dos asuntos abordados foi o programa provincial SmartPeme, do que Carmela Silva destacou que non ten equivalente noutras Administración do Estado, e tamén a necesaria eliminación dos puntos negros no Camiño de Santiago a través da colaboración estatal.
Relacionadas:
-
A Seguridade Social enviará 500 SMS diarios para solicitar o e-mail de empregados do fogar
Por Redacción |
-
Pontevedra, a piques de baixar dos 5.000 parados tras un forte descenso en xuño
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O paro cae en Pontevedra por quinto mes consecutivo e sitúa en 5.288 o número de desempregados
Por Alejandro Espiño |
-
O Bono activa comercio conta xa con máis de 3.000 beneficiarios na cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
'Import@ss', o novo portal web que fai a Seguridade Social máis accesible á cidadanía
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Subdelegación do Goberno reparte outras 220.000 máscaras na provincia
Por Redacción |
-
82.652 traballadores da provincia acolléronse a ERTES ao longo do ano pasado
Por Oskar Viéitez |