A xustiza post pandemia: necesidade de máis medios tecnolóxicos e sen aumento dos asuntos en trámite
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os xulgados víronse afectados, como todos os ámbitos da sociedade, pola pandemia da covid-19. No seu caso, con todo, ese impacto xa empeza a superarse. Así o constatou este luns o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, durante unha visita a Pontevedra para reunirse cos xuíces que exercen na capital.
José María Gómez y Díaz-Castroverde dá por superado o impacto da crise sanitaria nos xulgados de Pontevedra, pois "as consecuencias das declaración do estado de alarma quedaron absorbidas pola actividade dos xuíces".
Mantivo reunións cos xuíces e xuízas dos órganos unipersoais no edificio da Parda e cos maxistrados a Audiencia Provincial na sede da rúa Rosalía de Castro E fixo unha valoración "positiva" da situación actual, pois a partir da declaración do estado de alarma de marzo de 2020 e a suspensión de prazos procesuais produciuse unha paralización das actuacións xudiciais que agora, segundo as estatísticas, "pódese considerar normalizada".
Segundo os datos que facilitou, os órganos do partido xudicial de Pontevedra terminaron 2020 cun 4,6 % máis procedementos en trámite que ao final de 2019, unha cifra que está por baixo da media galega, do 7 %,e da estatal, do 11%.
Ademais, en 2020, a entrada de asuntos en Pontevedra baixou en todas as xurisdicións, cunha media dun 10,5 % menos de casos que en 2019, e terminaron o primeiro trimestre de 2021 cun 1,1 % menos de casos pendentes que o ano anterior.
O presidente do TSXG desprazouse a Pontevedra, como xa fixera o ano pasado, para coñecer de primeira man as demandas dos membros da carreira xudicial. Nas reunións que mantivo, xuíces e maxistrados trasladáronlle que a súa principal demanda está relacionada coa necesaria mellora dos medios telemáticos cos que contan, necesidade que aumentou coa pandemia.
En concreto, segundo deu a coñecer tras a reunión o TSXG, os titulares dos órganos penais e de instrución denunciaron a escaseza de equipos para realizar videoconferencias, moi necesarios debido ao incremento das peticións de exhortos. Segundo as súas estimacións, farían falta catro salgas dixitais máis.
Os membros da carreira xudicial insistiron na falta de medios para a implantación telemática, á vez que informaron o presidente do TSXG da pouca calidade que teñen as videoconferencias que realizan cos centros penitenciarIos. Ademais, demandaron máis formación en cuestións informáticas.
Así mesmo, a decana dos xulgados de Pontevedra, Belén Rubido de la Torre, lembrou a necesidade de crear unha Sala Gesell, para a que xa hai un espazo definido e os maxistrados da Audiencia Provincial pediron, ademais de melloras nos medios tecnolóxicos, a creación dunha cuarta praza de maxistrado/a en as seccións penais.
José María Gómez y Díaz-Castroverde sinalou que, "de momento", non hai previsión de realizar reforzos ou crear novos órganos xudiciais en Pontevedra. Tan só teñen dous xuíces en labores de substitución nun "reforzo transversal".
Si recoñece que na provincia detectaron a necesidade de reforzar o sistema, pero sen saber cando poderá facerse. Entre outras necesidade, apunta á posible creación dun xulgado en Vilagarcía ou expor un reforzo no Xulgado de Familia.
Relacionadas:
-
Un cuarto xulgado para Vilagarcía, unha demanda que se remonta a 2007 e continúa "sen solución"
Por Redacción |
-
O Consello da Maxistratura de Bos Aires coñece o proxecto "funcional" dos xulgados da Parda
Por Redacción |
-
Os procuradores alertan de que a folga de 2018 e a covid-19 provocaron "un ano de atraso" na Xustiza pontevedresa
Por Natalia Puga |
-
"Non sei se as mulleres senten protexidas pola Xustiza española, pero estano. O sistema funciona e é duro"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Atasco post covid-19 nos xulgados: un xuízo laboral para abril de 2022 e dous anos de espera en cláusulas de chan
Por Natalia Puga |