Actos vandálicos nos Parques Forestais da Tomba e da Fracha
Por Redacción
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, lamentaba este luns os actos vandálicos que se rexistraban durante esta fin de semana no Parque Forestal da Tomba. Alí aparecía mobiliario, sinais e un panel informativo esnaquizados, e tamén se arrincaron plantacións.
A esta situación hai que sumar outro ataque no Parque Forestal da Fracha, onde se detectaron pintadas e o roubo de guías para endereitar as novas plantacións. A representante municipal manifestaba que o 99% da cidadanía de Pontevedra manifesta un comportamento "exquisito" cara a estes espazos naturais pero lamentou que o un por cento da poboación se dedique a destruír patrimonio que paga toda a poboación pontevedresa.
Por este motivo, Anabel Gulías fixo un chamamento á sensibilidade para manter en perfecto estado de conservación estes piares do patrimonio natural, que son "un pulmón verde". Desde o Concello xa se traballa no arranxo destes danos no arboledo e no mobiliario. Os roubos xa foron tamén denunciados pola empresa concesionaria dos traballos na Fracha mentres que, no caso da Tomba, informouse os axentes da Policía Local para que realicen investigacións.
A concelleira lembrou a importancia que estes espazos naturais teñen neste momento de pandemia, que se converteron nun respiro e un alivio para a poboación. Reclamou sensibilidade co coidado destas zonas para que poidan ser empregadas pola cidadanía.
Relacionadas:
-
Premian a recuperación dos montes pontevedreses
Por Redacción |
-
Os tres parques forestais de Pontevedra contarán cun mantemento sistematizado
Por Redacción |
-
A recuperación dos petróglifos da Tomba, a 'guinda' do novo parque forestal
Por Alejandro Espiño |
-
O parque forestal da Fracha estará habilitado en abril
Por Redacción |