Sanción para un establecemento hostaleiro en Pai Luis por incumprir o horario de peche
Por Redacción
Do 18 ao 23 de maio, a Policía Local tramitaba 12 denuncias por incumprimento da normativa covid no municipio de Pontevedra. Tan só dous delas rexistrábanse durante a fin de semana.
Seis das denuncias producíanse por non levar máscara pola rúa, cinco denuncias por reunións de non conviventes e unha contra un establecemento hostaleiro detectado nunha rolda habitual dos axentes da Policía Local que se mantiña aberto fóra do horario regulado pola Xunta de Galicia
Trátase dun establecemento hostaleiro situado na rúa Pai Luís que excedía en media hora a actividade permitida para aqueles locais que non serven ceas. Os axentes comprobaban que o negocio se atopaba con dez veladores nos que había persoas consumindo ás 23.30 horas, segundo indicou Anabel Gulías, portavoz do goberno local.
A concelleira sinalaba que, agás neste caso, o comportamento da hostalería da cidade e da cidadanía en xeral está a ser bo e apelou á responsabilidade para saír da situación marcada pola pandemia canto antes.
Neste mesmo sentido, considerou moi positivo o desenvolvemento do concerto durante este domingo 23 de maio na Praza da Ferrería da santiagués Ortiga. A concelleira agradeceu o traballo realizado pola Policía Local e Protección Civil para o desenvolvemento desta actividade e o comportamento do público asistente.
Gulías insistiu en que as empresas locais atoparán no Concello sempre un aliado para "solventar esta terrible crise" e sinalou que no concerto desenvolvido dentro destas xornadas técnicas de Cabos Soltos, "Ortiga lo dio todo" e, segundo manifestou, a cidade tomaba o pulso de novo con establecementos hostaleiros cheos.