O Porto de Vilagarcía recupera cifras de actividade pre pandemia e logra un récord sen precedentes en 20 anos

Por Redacción
O Porto de Vilagarcía mantén este ano 2021 cifras de actividade récord que o sitúan en niveis previos á pandemia da covid-19 e acaba de conseguir, por segunda vez en 20 anos, mover máis de 400.000 toneladas de mercadoría no primeiro cuadrimestre do ano.
As estatísticas provisionais a peche de abril presentan como dato máis destacado unha subida no acumulado de tráfico portuario entre xaneiro e abril do 25% con relación ao mesmo período do ano anterior, alcanzando as 461.742 toneladas.
Segundo a información facilitada pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía, o anterior rexistro de máis de 400.000 toneladas no primeiro trimestre confirmouse no ano 2003, cuxo primeiro cuadrimestre pechouse con algo máis de 409.000 toneladas. Agora, esta marca foi amplamente superada.
Outro dato destacado é que, en toneladas, a diferenza entre o acumulado a peche de abril deste ano con relación ao mesmo mes do pasado ano é de máis de 90.000.
A mercadoría xeral supuxo neste primeiros catro meses do ano o 56% de todos os tráficos portuarios. O total de mercadorías movidas nesta categoría ascende a 256.614 toneladas. Neste apartado, é de destacar a recuperación no movemento de mercadoría contenerizada, que en abril de 2021 mellora os seus rexistros con relación ao mesmo mes do pasado ano.
Os graneis sólidos representaron neste primeiro cuadrimestre do ano o 24% dos tráficos portuarios. Nesta categoría o produto máis destacado, por número de toneladas movidas, é o cuarzo, do cal se contabilizan 45.005 toneladas, un 52% máis que no mesmo período do pasado exercicio.
A categoría de graneis líquidos achega o 20% dos tráficos do Porto de Vilagarcía neste primeiro cuadrimestre do ano, co aceite como produto máis destacado, seguido do metanol, que experimenta unha subida do 36% con relación ao mesmo período do pasado ano.
O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, destaca que tras un ano moi complicado, 2020, debido á pandemia e o seu impacto na actividade económica, "estamos moi satisfeitos da evolución dos tráficos portuarios nos últimos meses", xa que non só se conseguiu reverter a baixada de tráficos experimentada o pasado ano, senón que están en cifras superiores a 2019, ano no que esta Autoridade Portuaria estableceu o seu récord anual de movemento de mercadorías.