Aberto o prazo para a contratación de brigadistas contra incendios forestais
Por Redacción
A Concellería de Persoal, dirixida polo nacionalista Xosé Luís Martínez, informa de que permanece aberto o proceso selectivo para a contratación de persoal laboral para que o Concello de Poio conte durante o verán cunha brigada de incendios.
O prazo para presentar toda a documentación necesaria para poder tomar parte no devandito proceso permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de maio, inclusive. Este período ábrese logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo).
O edil do Goberno local recalca que a tramitación pode realizarse vía telemática, a través da Sede Electrónica. En caso de optar pola opción presencial, farase no Rexistro Xeral, pero resultará imprescindible solicitar cita previa.
En total, esta brigada contará con oito integrantes. Serán un xefe de brigada, un peón-condutor, tres peóns de brigada e tres condutores de vehículos motobomba.
En principio, a duración dos contratos, que seguirán a modalidade de eventualidade e terán unha duración de 37 horas e 30 minutos semanais, será de tres meses.
Os profesionais que se contraten velarán pola vixía e a defensa contra o lume, efectuando, en caso de que fosen necesarias, tarefas de prevención, de cara a evitar posibles incendios durante a tempada estival.
Ademais de presentar toda a documentación requirida, os méritos profesionais deberán acreditarse con copia dos contratos de traballo e co informe da vida laboral actualizada ou, no casos de Administracións Públicas, co certificado expedido pola correspondente Administración ou coa copia do nomeamento.
Poderán achegarse certificados de empresa ou da Administración Pública para acreditar as concretas funcións dos traballos desenvoltos. Do mesmo xeito, no momento de presentación de solicitudes deberase presentar relación valorada dos méritos achegados polos aspirantes segundo o baremo establecido nas presentes bases coa finalidade de ser cotexados polo Tribunal Cualificador designado.
Ponse a disposición da cidadanía a dirección de correo electrónico empregolocal@concellopoio.gal para que as persoas interesadas poidan resolver calquera dúbida vencellada a este proceso.