Os veciños de Mogor reclaman ao Concello a limpeza das cunetas da pista que vai ás Sete Espadas
Por Redacción
Dende a Asociación veciñal Labirinto de Mogor demandaron do Concello de Marín a limpeza das cunetas da pista que vai ás Sete Espadas, principalmente dende o cruce coa PO-551 até o lugar do Outeiro.
O presidente da Asociación, José Manuel Martínez, ven de rexistrar no Concello unha solicitude para que se ordene a limpeza de toda a cuneta que vai pola marxe esquerda deste vial en dirección ás Sete Espadas, xa que están completamente atoradas como se puido comprobar durante estes días de chuvia. "Os sumidoiros non tragan nin unha pinga de auga, e a estrada inundase completamente, obrigando ós peóns a ter que camiñar por un mar de auga que chega á altura dos xeonllos", relatan estes veciños.
A proba foi o pasado fin de semana durante un oficio na igrexa parroquial. Á saída da igrexa os asistentes ao acto vironse obrigados a ter que avanzar entre o río de auga que baixaba pola estrada.
Dende a asociación xa lle expuxeron este problema ao goberno municipal en varias ocasións, e explicáronlle a necesidade de ter que levantar algún tramo de cañerías que se foron atorando de terra e area, "pero o único que se fixo dende o Concello foi rozar a herba das cunetas, algo totalmente insuficiente".
Ademáis di José Manuel Martínez que nas últimas obras realizadas pola empresa que canaliza o gas natural, "non fixeron máis que agudizar o problema e empeorar o estado da calzada".
"Entendemos que, xa que os veciños das parroquias do rural pagamos os mesmos impostos que os do centro, merecemos que, polo menos unha vez ao ano se atendan os nosos camiños e pistas dos cales nos servimos para acceder ás nosas casas", reprochou.
Agora, en previsión da época de chuvias que se aproxima demandan de novo do Concello "que proceda a cumprir coa súa obriga de mantemento dunha estrada municipal que ten un tránsito continúo, tanto de tráfico rodado coma de peóns, xa que as queixas que nos chegan dos veciños son constantes e nós non podemos facer máis que derivalas ao Concello", conclúen.